A portavoz de Educación e Cultura, Olalla Rodil, criticou que os orzamentos para 2018 non reverten os recortes no ensino público dos últimos anos, en particular para restituír os 1.500 docentes que se perderon desde 2009, “xa que supostamente estamos en plena recuperación económica”.
Por contra, o departamento que dirixe Román Rodríguez continúa drenando cartos para o ensino privado e concertado, con 1.500M€ blindados ata 2023 ou os recentes 360.000€ para dotar ao ensino concertado de persoal para necesidades educativas especiais, “posibilidade da que carecen os centros de ensino público”.
“O negocio vaille ben á privado-concertada porque a manteñen con cartos de todos en detrimento do ensino público”, denunciou Rodil, “se hai máis diñeiro revertamos os recortes, algo que as contas para 2018 non fan”. A deputada fixo fincapé en que a lingua e a cultura “son as gran damnificadas pois fican absolutamente relegadas a un segundo plano” e reclamou recuperar unha consellería específica.
Así, normalización lingüística dispón de 7,6M€ fronte aos 21M€ de 2009, e no ámbito cultural, 69M€, o 51% dos 141M€ de 2009. A estes recortes, indicou, súmase a baixa execución orzamentaria, a xullo de 2017, apenas un terzo do consignado na partida de fomento das actividades culturais e da lingua.
“Seguimos a velas vir, agardando polas súas promesas incumpridas”, interpelou ao conselleiro de Educación, “onde está a Estratexia para a Cultura Galega reiteradamente anunciada?” preguntábase a deputada quen tamén denunciou a caída en picado na promoción do libro en galego mesmo incumprindo a Lei do libro e da lectura. “E debería sobrar dicilo pero estamos a falar dun sector económico, que crea postos de traballo e que debería ser motor de desenvolvemento para o país”, concluíu.