Xavier Vence chama a combater a exclusión social desde os concellos

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, participou esta mañá en Bueu no encontro municipal para analizar a situación de exclusión social e relevancia dos servizos sociais nun momento de grave crise económica. Na súa intervención no marco deste encontro, celebrado no Centro Social do Mar de Bueu, Xavier Vence falou da necesidade de “estabelecer liñas de resposta heteroxéneas desde os concellos para combater a exclusión social, como está facendo o BNG nos concellos onde goberna, sendo conscientes dos momentos de grave necesidade que padecen moitas familias galegas”.

O portavoz do BNG explicou que “é cuestión de vontade política e está nas nosas mans cambiar esta situación, por iso é tan importante que se produzan encontros deste tipo que propician a socialización da política alternativa do BNG que se leva a cabo desde os concellos. Cada experiencia municipal suma e aporta valor engadido porque non nos quedamos só na denuncia social, senón que estabelecemos as vías necesarias e as medidas oportunas ao propor as nosas alternativas para paliar os efectos nocivos da política antisocial que xeran os gobernos neoliberais da Xunta de Galiza e o Goberno do Estado”.

Nesta liña, Vence denunciou que “o PP está a usar a crise económica para impor un modelo social que condena a milleiros de familias galegas á exclusión social, mais no BNG estamos seguros de que isto se pode combater e por iso se fai tan necesario ter a vontade política para estabelecer políticas sociais de corte transversal. Poden vir tempos peores e hai que estar preparados para dar resposta aos problemas de marxinación social. Cada día dánse casos dunha extrema violencia social, coma os desafiuzamentos, e os concellos teñen a obriga de estar ao lado dos seus veciños e veciñas en problemas. Por iso rexeitamos frontalmente o proxecto de reforma da administración local do PP, que o único que persegue é un baleirado de competencias para volver a unha recentralización do sistema, o que terá gravísimas consecuencias ao afastar das persoas, deshumanizando, as institucións”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG