Senado

Da Silva: “Un sistema de financiamento xusto para a Galiza pasa polo concerto económico, soberanía fiscal e maior autogoberno”

A senadora do BNG chama a rematar cun modelo caduco e prexudicial para a Galiza e defende “un financiamento singular adaptado ás nosas necesidades específicas”

“O modelo de financiamento non se pode desligar do status político. Galiza ten o mesmo dereito que Catalunya e Euskadi” subliña

Da Silva denuncia que “quen rouba á Galiza é o sistema de financiamento centralista, o espolio fiscal ao que está sometida e un PP que recorta os servizos públicos galegos”

Montero promete a Da Silva cumprir coa condonación da débeda á Galiza, punto recollido no Acordo de Investidura do BNG, a pesar da negativa do Presidente Rueda

Durante a comparecencia da Vicepresidenta Primeira e Ministra de Facenda, María Jesús Montero, na cámara alta, a senadora do BNG defende a necesidade de impulsar un sistema de financiamento xusto para a Galiza, a través do diálogo bilateral, asentado no concerto económico que garanta suficiencia financeira, a soberanía fiscal e a responsabilidade para avanzar en autogoberno. Carme da Silva sinala que o actual modelo de financiamento autonómico, ademais de estar caduco, é prexudicial para a Galiza e o BNG mostra a súa vontade para corrixilo, a pesar do “servilismo e a submisión” do PP ao centralismo, e desmontar o mito de que “Galiza vive da solidariedade madrileña”.

Segundo os datos fornecidos polo Consello de Contas no seu informe sobre os resultados para a Galiza do sistema de financiamento das Comunidades Autónomas de réxime común, o actual sistema de financiamento é complexo e pouco transparente, con serios problemas de equidade e eficiencia. “Un sistema de financiamento -aprobado polo goberno de M. Rajoy, negociado e aceptado polo señor Feixóo sendo Presidente da Xunta- centralista que prexudica á Galiza” denuncia a senadora do BNG.

De facto, segundo este órgano, o actual modelo fai perder á Galiza 1.535 millóns de euros ao ano. “Desde que está vixente, 14.000M €, máis que o orzamento da Xunta nun ano, o último foi de 13.257 millóns de euros” evidencia Carme da Silva.

“O problema da Galiza é un PP -un Rueda- que, frente a este modelo de financiamento prexudicial para a Galiza e que non ten unha proposta e repite como un papagaio que a Galiza vive da solidariedade madrileña” denuncia. O que menoscaba a súa capacidade, continúa Carme da Silva, é o espolio fiscal ao que é sometida cando deixa de recibir 1.700M€ polo imposto de sociedades que queda integramente en Madrid. “O que manca a Galiza é un sistema de financiamento e unha Xunta que empeora os servizos públicos galegos” lamenta.

Un modelo de financiamento que debe estar ligado ao status político

“Galiza ten o mesmo status político que Catalunya e Euskadi e o BNG entende que o modelo de financiamento non se pode desligar do status político” sinala a senadora nacionalista. Por iso, continúa, o BNG defende o dereito a “un diálogo bilateral para acordar un financiamento singular e adaptado ás nosas especificidades. Un modelo asentado no concerto económico que garanta a suficiencia financeira e a soberanía fiscal para avanzar en autogoberno”.

“Fronte a quen rouba á Galiza e é cómplice deste roubo, o BNG aspira a que a Galiza teña autonomía financeira e suficiencia de recursos. Que teña a capacidade para recadar os seus impostos e xestionalos cunha Axencia Triburaria propia: a Axencia Tributaria Galega” afirma Carme da Silva.

“Xénova manda e Rueda obedece”

“O problema da Galiza é un PP, un Rueda, que frente a este modelo de financiamento prexudicial para a Galiza non ten unha proposta e repite como un papagaio que a Galiza vive da solidariedade madrileña” denuncia. Un PPdeG, un goberno da Xunta de Galiza, que –antes con Feijóo e agora con Rueda, campión do centralismo e submisión ao PP madrileño- aplaude que “Galiza perda capacidade económica cada ano e gobernou a golpe de recortes, sendo o Executivo autonómico que máis castigou os servizos públicos a pesar de triplicar a débeda”.

“Chega, agora, ao extremo do servilismo ao non querer medidas de compensación da débeda negociadas polo BNG: Xénova manda e Rueda obedece” critica Carme da Silva. Neste sentido, a Vicepresidenta Primeira, en resposta á senadora do BNG, asegurou que o Goberno, tal e como estabelece o Acordo de Investidura do BNG, fará todo o posíbel para que a Galiza teña a posibilidade de ver condonada parte da súa débeda “a pesar de que o Presidente da Xunta o rexeite”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG