parlamento galego

BNG acusa o PP de privatizar os ciclos de Guía no medio natural ao non orzamentar partidas e recortar profesorado

Cristina Fernández
Cristina Fernández

A deputada Cristina Fernández Davila tilda as medidas da Consellería de “chanchullos para saír do paso” ante a presión da comunidade educativa 

O BNG acusa o Goberno do PP de querer privatizar os ciclos medios de Guía no medio natural e tempo libre ao non orzamentar partidas e ademais reducir o número de docentes. A deputada Cristina Fernández Davila cualifica as medidas da Consellería de “chanchullos para saír do paso” ante a presión da comunidade educativa, que lle pide un que un compromiso serio para poñer en valor un ciclo formativo moi demandado pola mocidade e cunha formación de gran calidade e con saída laboral.

“Está claro que a Xunta, en vez de sacar unha batería de medidas que poñan en relevancia estes ciclos formativos que tanta demanda teñen nestas comarcas, e que impulsen a máis centros a ter estes ciclos, dedícanse a tapar esa presión social e preparan unha serie de minichanchullos para que os centros poidan saír do paso e telos un pouco calados”, criticou.

A deputada encargada da área de Educación fixo estas declaracións durante a súa exposición na Comisión 4ª, onde reclamou máis recursos e máis estables para os centros IES de Poio, o IES Pintor Colmeiro de Silleda, o IES Terra de Turonio de Gondomar e o IES Porto do Son, que teñen na súa oferta educativa este ciclo medio. O PP votou en contra desta iniciativa do BNG.

Fernández Davila lembroulle ao que na comisión do pasado 14 de xullo,  a directora xeral de FP, María Eugenia Pérez, se comprometera a investir máis de 300.000 euros para impartir este ciclo medio nos catro institutos, cartos cos que contaron as direccións dos centros para traballar durante todo o verán “coa esperanza de que o que anunciou  a directora xeral fose certo”, aclarou.

Malia a iso, o 30 de xullo chegou a primeira asignación para cada IES de 13.900 euros, unha cantidade “prodixiosa”, ironizou, coa que “nin sequera se poden comprometer a facer as prácticas durante todo o curso” engadiu. Ademais, os cartos van a conta dunha partida para proxectos plurilingües, “difícil de xustificar xa que non se axusta a actividade dos centros” subliñou.

O 2 de agosto tamén houbo unha achega de 6.000 euros para material, que deben ser gastadas antes do 31 de decembro “máis difícil todavía”, advertiu.  Lembrou que a directora xeral tamén se comprometera a dotar aos centros de máis material, pero estes “non teñen información sobre que material é nin se é axustado ou necesario para os seus centros ou para este ciclo en cuestión”, recalcou.

En síntese, Davila advertiu que estes centros continúan sen orzamento estable  para que poidan levar adiante con total normalidade este curso que se presenta, nin poden ter os alugueiros de instalacións pechados a principios de curso, e tamén falta o orzamento para que os alumnos poidan costear os gastos de desprazamento para ir a estas prácticas. Tampouco teñen fondos para o material que se ten que desbotar anualmente por motivos de seguridade.

“A ideoloxía do PP é a que é ben a coñecemos, é que vostedes nunca apoian os servizos públicos nin as persoas usuarias, así pasa coa sanidade ou cos servizos sociais. Non sería estraño que neste caso tamén pedisen axuda para o financiamento destes centros públicos aos concellos de Poio, Gondomar, Porto do Son ou Silleda”, insinuou.

É por iso que o BNG volveu reclamar unha partida específica e estable que sexa acorde co informe de necesidades presentado polos centros, e que se dote ademais do material comprometido pola Consellería.  Por outra banda,  reclámalle á Xunta a aprobación das directrices que deben seguir os centros, tendo en conta que unha boa parte da formación deste ciclo se desenvolve fóra do recinto escolar.

Recortes de profesorado

Cristina Fernández Davila denunciou que, en total, nestes catro centros,  a Xunta eliminou seis docentes.

A deputada expuxo o caso do IES de Poio, no que a súa directora soubo o 30 de xullo   que non se concedían dúas prazas de especialistas que impartirían escalada, rafting ou guía de grupos. A consellería recomendoulle que fosen impartidas por profesores de Educación Física. “Calquera dos que estamos aquí cun mínimo de intelixencia podemos deducir que iso non é posible,  que un profesor de E.F dea escalada, rocódromo ou hípica”, contradixo.

A deputada trouxo a colación as palabras do xefe territorial de FP, César Pérez Ares, publicadas na prensa o pasado 2 de agosto despois de que a directiva do centro dimitise en pleno e nas que animaba ao novo equipo a “impulsar convenios con entidades privadas para afrontar el coste del ciclo de Guía do Medio Natural”. “Era o que nos faltaba, buscar patrocinadores”, sentenciou.

Segundo a deputada, a directiva estivo todo o verán sen noticias da xefatura, asumindo as responsabilidades do seu cargo, e que é agora, en setembro, cando aceptan a súa renuncia, algo que considerou “desleal”.

Por outra banda, a deputada nacionalista apuntou que ao IES de Porto do Son lle foi asignado en xuño un profesor de Educación Física (especialista en cabalos) que non se solicitara por parte do centro e que, pola contra, a consellería lle reduciu 3 postos.

Na réplica Fernández Davila fixo fincapé en que á Xunta “éncheselle a boca dicindo que van contratar a 400 profesores, entendo que con fondos europeos. Se ao final para contratar profesores imos ter que solicitar fondos europeos, iso pódeo facer calquera administración, non é necesario que exista a Xunta nin a Consellería de Educación”. Acusou ao Goberno do PP de sacar profesorado que lle corresponde aos centros por alumnado. “Agora que hai menos ratio e debería haber máis profesorado, resulta que o profesorado baixa pero sacamos doutro lado 400 profesores que van ser provisionais”, rematou. 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG