Pontón reivindica un modelo de financiamento propio e cualifica de “esperpento” a posición de Rueda ás ordes de Madrid

Ana Pontón
Ana Pontón

A portavoz nacional do BNG acusou ao presidente da Xunta de querer “rebaixar Galiza á liga das rexións” pero “non llo imos permitir”

A portavoz nacional defende a creación dunha Axencia Tributaria Galega que lle dea a Galiza a chave dos cartos e plena capacidade de recadación

Loou a inxente figura de Alexandre Bóveda como home adiantado ao seu tempo e leal a Galiza, “ao contrario que Rueda e o Partido Popular”


 

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, participou este sábado en Pontevedra na homenaxe á figura de Alexandre Bóveda onde reclamou para Galiza un modelo de financiamento que recade todos os impostos a través dunha Axencia Tributaria galega e o establecemento dun cupo co Estado para a participación galega na redistribución internterritorial.

Na súa intervención no Día da Galiza Mártir, Pontón cualificou a posición do presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de “esperpento” xa que en lugar de erguer a voz para estar do lado dos intereses galegos, faino para “defender o centralismo financeiro que prexudica ao noso País”. Acusouno ademais de “querer rebaixar a Galiza á liga das rexións “ao non defender o mesmo estatus que as outras nacións sen estado e advertiu que o BNG non llo vai permitir.

Contrapuxo a figura de Alexandre Bóveda, “un adiantado ao seu tempo e leal a Galiza” para afirmar que, pola contra, Rueda e o PP amosan unha falta de lealtade aos galegos e galegas”. Nun momento no que Galiza precisa de política con altura”, asegurou que “causa verdadeira mágoa ver todo un Goberno Galego actuando como monicreques das directrices que lle marca Feijóo desde Madrid, sen importarlles que a súa submisión fai que Galiza perda”.

A líder do BNG lembrou que o actual actual sistema de financiamento leva 10 anos caducado. “Foi un sistema que negociou e pactou Feijóo, e que nos fixo perder recursos e que nos deixa un burato de 14 mil millóns de euros nas contas públicas”. Así o reflicte ademais o informe do Consello de Contas, un informe que “deixa ao descuberto a incapacidade do PP para defender os intereses de Galiza”, recalcou.

Recriminou que, dez anos despois “non temos nin unha soa proposta do goberno do PP para mellorar o sistema de financiamento, o único que fan e criticar as propostas dos demais e repetir a mentira de que Galiza é pobre e que vive da solidariedade madrileña”.

Máis autogoberno e unha Axencia Tributaria Galega

Neste punto, a portavoz nacional do BNG advertiu con contundencia que os galegos e galegas “non vivimos da solidade de Madrid, vivimos do noso esforzo e dos impostos que pagan os galegos e as galegas”. Puxo como exemplo que só co imposto de sociedades, que queda en Madrid integramente, Galiza tería cada ano máis de 1.700 millóns de euros. “O que precisamos é menos centralismo madrileño e máis autogoberno galego!” afirmou.

É por iso que “no BNG defendemos un modelo de financiamento que nos dea a chave dos nosos cartos, un modelo de concerto económico galego que nos dea plena capacidade de recadación de todos os impostos a través dunha Axencia Tributaria Galega e o establecemento dun cupo co Estado, para abonar o custo dos servizos que o Estado presta en Galiza”. Insistiu ademais que “no BNG témolo claro, queremos que os galegos e galegas teñan a chave dos seus cartos e Rueda terá que explicar porque prefire que estea en Madrid”.

O PP como pésimos xestores públicos

Diante dos asistentes á celebración do Día da Galiza Mártir, Ana Pontón tachou ao PP de ser uns” pésimos xestores do público, porque non pensan no ben común senón nos intereses dos grandes lobbies e das súas empresas amigas”.

A ese repecto, lembrou os 250 millóns de euros que Rueda “lle quere dar a unha macrocelulosa para contaminar”. “Quere darlle a Altri medio millón de euros por cada suposto emprego que anuncian. Van ser os empregos máis caros da historia!”, ironizou. “E todo iso destruíndo 4.000 postos de traballo só na ría de Arousa. Non queremos Ence na ría de Pontevedra e imos parar esta bomba ambiental no corazón do País”, advertiu.

Así mesmo, “o PP tamén ten que explicar como mentres recorta na sanidade pública a súa xestión fai que paguemos un sobre custe de 470 millóns de euros polo hospital de Vigo a un fondo de inversión francés”, algo que -celebrou- “non fixeron tamén en Pontevedra porque o goberno de Lores deixoulles ben claro que ou era 100% público, ou que terían en fronte non só ao goberno municipal senón a toda a cidade”.

O BNG, herdanza da vontade de Bóveda

Ana Pontón lembrou a traxectoria inmensa de Alexandre Bóveda, o "mártir" que simboliza hoxe a miles de persoas fusiladas en toda Galiza naquel "terrible 1936". Antes de ser asasinado, Bóveda foi sobre todo o "constutor intelectual e o pensador artífice" do Anteproxecto de Estatuto do Seminario de Estudos Galegos, do programa do Partido Galeguista e do proxecto de Estatuto de Autonomía do 1936.

Defendeu en 1931 a creación dunha banca pública galega, con funcións propias dun banco de Estado, agás a de emisión de moeda, e deseñou un novo modelo de Facenda Galega pensado para redadar desde Galiza os nosos impostos, exceptuando alfándegas e monopolios.

A líder do Bloque interpelou a militancia e os e as simpatizantes para dicirlles que o BNG que temos hoxe é herdeiro desa vontade e sentímonos ese Partido Galeguista vivo do século XXI”, e engadiu que “a mellor maneira de honrar a memoria e o legado de Alexandre, de Castelao e de tantas e tantos outros que deron mesmo a súa vida por Galiza e pola democracia é xustamente pensando e mellorando a Galiza de hoxe”.

“Avanzamos facendo medrar o nacionalismo, co obxectivo de que sexa hexemónico, non só no plano electoral, senón tamén no social, no cultural e no intelectual. Esa mirada propia e ampla que propoña e articule unha Galiza diferente e mellor”.

"Sorprende ver a dereita rescribir a nosa historia"

O alcalde de Pontevedra, Miguel Fernández Lores, pola súa banda, loou a figura de Alexandre Bóveda, a quen cualificou de "exemplo vital e transversal do nacionalismo galego". Afirmou que "o seu delito para aquela dereita rancia, conservadora e franquista foi o de amar o seu País, amar a súa familia, que era Galiza, unha Galiza que coma el mesmo dixo tíñaa idolatrada, e á que pertencía por dereito de seu".

Para o rexedor pontevedrés, resulta "sorprendente" ver como a dereita actual "xoga de xeito sibilino cos matices", como "tenta reescribir a nosa historia" nada máis se lle deixa. "Falan de nación, mais só falan da súa, da única que queren ter como válida. Esquecen as palabras de Bóveda, esquecen o sentido familiar desa patria natural que nomeaba o noso referente, que naquel instante de condena tiña apenas 33 anos, con toda a vida por diante e todos os camiños por percorrer", lamentou.

Lores advertiulle á dereita que "a memoria perdura", en referencia á Pontevedra que no seu día foi berce dos intelectuais dese nacionalismo galego que perdurou no tempo ata os nosos días e que "nos define como galegos e como galegas orgullosas da súa patria".

"Non é casualidade que aquí que esteamos hoxe honrando a memoria de Bóveda, nin que haxa un movemento político e social máis forte que nunca ao redor do nacionalismo galego, nin tampouco é casualidade que logo de 25 anos o BNG siga gobernando esta cidade!", sentenciou.

O nacionalismo, coas causas xustas

Ao acto de homenaxe á figura do político asasinado hai 88 anos polos fascistas tamén asistiu a responsable local de Moraña, Lucía Silva, quen exemplificou na figura de Bóveda o significado da palabra mártir ao padecer “moitas penas e sufrimentos na defensa das súas ideas, da dignidade e do xusto”. “Todas e todos se hoxe estamos e somos é porque antes estiveron e foron moitas e moitos coma Alexandre e é a nosa responsabilidade que a memoria e a lembranza de onde vios constitúa a columna vertebral da nosa loita”, engadiu.

Neste senso, asegurou que “son a lembranza e a memoria o que fai que o nacionalismo estea sempre ao lado das loitas xustas e que encha as rúas en cada manifestación, e tamén o que fai que a mocidade teñamos os ollos ben abertos e saibamos o que queremos ou o que non queremos para nós e para Galiza”. Silva puxo como exemplos causas como o dereito á vivenda e ao traballo dignos, o feminismo, o idioma, os dereitos LGBTI, os dereitos da clase traballadora ou a defensa dos servios públicos. Pero tamén os que os mobiliza por unha “Galiza soberana” ou contra “o xenocidio do pobo palestino” e “o expolio e colonización do noso territorio”, apuntou.

Por outra banda, Silva asegurou que “foi a lembranza e a memoria o que moveu a todas as nosas compañeiras e compañeiros militantes a traballar todos estes anos, para que hoxe o nacionalismo galego estea no mellor momento da súa historia”, porque, recoñeceu, “aínda con dificultades, témolo moito máis fácil e non podemos facer outra cousas que agradecer todo o acadado ata agora con máis traballo comprometido e consciente de que os nosos logros son seus tamén”, rematou.


 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG