Pontón reivindica a Alexandre Bóveda e propón un modelo de financiamento no que Galiza teña a chave dos seus cartos

Ana Pontón
Ana Pontón

A portavoz nacional do BNG tachou de “esperpento” o papel de Rueda no financiamento, ao actuar de monicreque das directrices de Feijoo desde Madrid

Acúsao de alzar a voz para defender o centralismo financeiro que prexudica ao noso País e de “querer rebaixar a Galiza á liga das rexións”

Asegurou que o Bloque Nacionalista Galego “non cesará ata que se reparen as vítimas e que se xulguen os crimes do franquismo”

A portavoz nacional do BNG Ana Pontón reivindicou a figura de Alexandre Bóveda para pedir un modelo de financiamento que lle dea a Galiza a chave dos seus cartos, con plena capacidade de recadación e tachou de “esperpento” o papel de Alfonso Rueda ao actuar como monicreque das directrices que lle marca Feijoo desde Madrid, “sen importarlles que a súa submisión fai que Galiza perda” . Acúsao de “defender o centralismo financeiro que prexudica ao noso País” e de querer rebaixar a Galiza á liga das rexións”.

A lider nacionalista fixo estas declaracións no acto institucional celebrado este sábado na Caeira, Poio, no que, como cada ano, se recorda a figura do político e economista fusilado nese lugar en 1936.

Pontón destacou o “adiantado ao seu tempo e leal a Galiza” que era Bóveda xa que, entre as súas moitas contribucións, está a do deseño dun novo modelo de Facenda galega pensado “para recadarmos nós, desde aquí, todos os impostos”.

“Xusto o contrario- criticou- do que representan o Partido Popular e Alfonso Rueda, que neste debate do financiamento igual ca noutros temas están traballando en contra dos intereses de Galiza e de maneira desleal co noso País. Considera “indignante” e “vergoñento” que o presidente da Xunta estea “abrazando o centralismo” de Madrid que é tan “prexudicial” para Galiza en lugar de defender que manteñamos o noso status de nación histórica”.

“En lugar de defender que os galegos e galegas teñamos a chave dos nosos cartos, o que está defendendo é que esa chave siga en Madrid”, lamentou.

A portavoz nacional lembrou que o Consello de Contas constata que o actual sistema de financiamento, que negouciou Feijoo, deixa o resultado dun “burato” de 14mil millóns de euros nas contas públicas e pon tamén a descuberto “a incapacidade do PP para defender os intereses de Galiza”, asegurou.

Recordou que este modelo leva caducado dez anos e que o PP non fixo nin unha soa proposta para cambialo. “O único que fan é criticar as propostas que os demáis fan demais e repetir o argumentario que lle mandan desde Génova” e que insiste nunha “idea nefasta, ademais de que émentira, de que Galiza vive da solidariedade madrileña”.

Pontón foi moi rotunda ao afirmar que “non vivimos da solidariedade de Madrid, vivimos do traballo que facemos cada día, e pagamos os nosos servizos públicos cos nosos impostos. Xa está ben de faltarlle ao respecto á cidadanía deste País!”, reclamou, para pedir “altura de miras e defender unha política avanzada”. “Desde o BNG non imos permitir que se rebaixe a Galiza á liga das rexións porque nós somos unha nación histórica e queremos o mesmo status ca as outras nacións históricas”, subliñou.

A líder nacionalista asegurou que ter a chave dos nosos cartos “vainos beneficiar” e puxo o exemplo de como, só coa transferencia do imposto de sociedades, que queda en Madrid integramente, teriamos cada ano máis de 1.700 millóns de euros, para financiar a sanidade, a educación, para o emprego ou para a ciencia no noso País”.

É por iso que o BNG defende un modelo de financiamento “que nos dea a chave dos nosos cartos, un modelo de concerto económico galego que nos dea plena capacidade de recadación de todos os impostos a través dunha Axencia Tributaria Galega que permita mellorar a vida da xente”.

Reparación das vítimas

Pontón quixo volver este 17 de agosto onde Alexandre Bóveda foi asasinado hai 88 anos polos fascistas para recordar que “foi o mártir que simboliza hoxe ás miles de persoas fusiladas en toda Galiza naquel terrible 1936”, persoas coas que o BNG “ten un compromiso claro, o de que “haxa xustiza, verdade e reparación”. Pontón anunciou que “non cesaremos ata que se xulguen todos os crimes do franquismo”.

“Hoxe mantemos viva a memoria dun home moi relevante, porque o 17 de agosto de 1936 a barbarie fascista deixou a Galiza sen o seu máis grande arquitecto político, porque hai que lembralo unha e mil veces: o gran artífice da construción do Partido Galeguista e da consecución do Estatuto de Autonomía, o auténtico cerebro organizativo do nacionalismo da preguerra, foi Alexandre Bóveda”, rematou.


 


 


 


 


 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG