Veto do PP á iniciativa do BNG para dotar Soutomaior de máis recursos sanitarios

Montse Prado
Montse Prado

"Hai saturación, moitas persoas usuarias no teñen o seu médico de cabeceira no municipio e a atención pediátrica é insuficiente", denuncia Montse Prado que acusa ao PP de "mentir ás veciñas e veciñas de Soutomaior"

O BNG volveu levar ao Parlamento a petición de dotar de máis medios sanitarios ao Concello de Soutomaior a través dunha iniciativa para incrementar o persoal que atende no centro de saúde solicitando  máis médic@s, enfermeir@s, auxiliares, e pediatras, que se cubran as baixas, e dar resposta ás demandas do goberno local e da veciñanza. E, de novo, o PP votou en contra na Cámara galega.

Prado lembrou que desde 2016 o Bloque leva presentado iniciativas no concello, no Parlamento e tamén apoiando as mobilizacións da veciñanza ante unha situación de atención sanitaria que ten provocado “alarma social”.

“Alarma e preocupación por unha situación insostible en materia sanitaria que este verán volveu quedar de manifesto no consultorio de Soutomaior, con dous facultativos que non se substitúen, que teñen saturados os cupos con 1.800 cartillas cando as recomendacións cifran en 1.200 o número razoable para dar unha atención de calidade”, explicou Prado.

Como consecuencia do déficit de infraestruturas e persoal sanitario, “unha porcentaxe moi elevada a veciñanza non pode ter o seu médico de familia no seu propio concello e debe ir a Redondela, Vilaboa ou mesmo a Pontevedra”, denunciou. Ao que se suma o feito de que hai un único pediatra nun concello cun número importante de nenos e nenas, por ser un municipio cunha poboación importante con saldo vexetativo positivo.

Prado instou ao PP a asumir que hai un problema e buscar solucións. “Non digan unha cousa en Soutomaior e aquí outra. O PP xa ten feito de todo, desde aprobar propostas do BNG no concello para despois deixalas esmorecer nunha gabeta até votar en contra de pedir reunión co conselleiro de Sanidade. Diante da presión da veciñanza o alcalde asiste ás manifestacións pero despois non tramita, nin fai nada para darlle resposta ás demandas”, criticou a deputada.

A portavoz parlamentaria de sanidade acusou ao PP de mentirlle aos veciños e veciñas de Soutomaior dicindo unha cousa no municipio e facendo a contraria no Parlamento.

“Minte o alcalde de Soutomaior cando vota a favor de iniciativas do BNG e despois non as tramita, porque supoño que non hai 23 partidos populares senón un, e cando defende unha cousa alí e aquí vota en contra míntelle á veciñanza, porque hai problemas moi claros, de saturación, de persoas que non poden ter o seu médico de cabeceira no concello, de nenos e nenas que non poden ter atención pediatra porque só hai un pediatra, hai recursos insuficientes. Isto é o que reclama o Bloque e o que o PP vota sistematicamente en contra”, concluíu Prado.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG