Vence: "A Xunta abre Galiza ao expolio mineiro das multinacionais"

O Plan das actividades extractivas da Xunta debe ser debatido con urxencia porque convirte toda Galiza en territorio expoliable polas multinacionais mineiras.

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, advertiu que o Plan aprobado por Feijóo “abre Galiza en canal ás empresas transnacionais mineiras e converte toda Galiza en potencialmente explotable sen ningún criterio de país en termos económicos, sociais e medioambientais”.

“Este plan, -elaborado de parte pola Cámara da Minería-, supón volver a unha economía do século pasado baseada na expoliación dos nosos recursos naturais por empresas foráneas, que detraen a riqueza do país sen beneficio para o noso tecido produtivo, en lugar de apostar pola economía do coñecemento”, salientou Vence durante a inauguración das xornadas Defensa do territorio: unha chamada urxente á sustentabilidade territorial, medioambiental, social e económica, que se desenvolven en Santiago de Compostela.

O Plan de actividades extractivas “provoca pavor para todos os que temos preocupación polo futuro do país, é preciso levar o debate á sociedade e favorecer a participación de todos para evitar que a nosa riqueza mineira se explote en réxime de colonia como en tempos pasados”, salientou.

Vence tamén fixo referencia á Lei de Costas e as “incertidumes” que abre sobre o traslado de Ence, toda vez que deixa a toma de decisións en mans do Goberno central. Neste sentido, o dirixente nacionalista instou a Feijóo a “cumprir o seu compromiso de sacar á empresa pasteira da Ría en 2018 sen máis dilacións. Espero que o PP non teña a osadía de faltarlle ao respeto aos cidadáns incumprindo neste tema”.

O “proceso de consultas” anunciado polo presidente da Xunta “fai pensar que está ideando unha estratexia para volverse atrás e permitir que primen os intereses da empresa en lugar dos intereses do país, porque a estas alturas Feijóo non debería ter necesidade de facer ningunha consulta para saber que precisamos recuperar a Ría de Pontevedra e para iso Ence ten que irse en 2018”, explicou.

A xornada de medioambiente e territorio  organizada polo BNG contou coa participación de expertos, académicos, ecoloxistas, colectivos e plataformas sociais, así como responsables políticos nas distintas administracións.

Os diferentes paneis de debate abordan a cuestión das explotacións mineiras en Galiza, en particular as explotacións a ceo aberto e a polémica social que subscitan. Igualmente,  se debatiron alternativas ao modelo de incineración de Sogama en materia de xestión de residuos, se abordou a situación do saneamento integral das rías, en particular as propostas que o BNG presentará a través da eurodeputada Ana Miranda ao informe que está elaborando o Parlamento Europeo tras a visita da delegación oficial enviada para coñecer o estado do litoral galego.

Ana Pontón, Tereixa Paz, Carme Adán, Ana Miranda e Mar Vila foron as encargadas de moderar os paneis de debate, nunhas xornadas nas que participaron  como ponentes Daniel López, profesor experto en temas ambientais, Fins Eirexas, responsable de enerxía e cambio climático de Adega, Luís Corral da Asociación “A Queiroga”, Alfredo López, membro da Coordinadora para o estudo dos mamíferos mariños, Xosé Alfredo Pereira, Presidente da Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común,  Xurxo Álvarez, Presidente de Federación Rural Galega, Analía Moares Lameiro de Amigos da Terra Galicia,  Miguel Méndez, da Asociación Galega de Apicultura, Anxo Calvo, director xeral de Industria, Enerxía e Minas da Xunta de Galiza 2005-2009, Alba Nogueira, profesora de Dereito Administrativo da Universidade de Santiago, experta en dereito medioambiental, Pedro Alonso Iglesias biólogo, Francisco Trigo, da Plataforma pola Defensa De Corcoesto e Bergantiños, Luis Rodríguez, presidente Asoar-Armega de pesca artesanal e marisqueo, Serxio Regueira, presidente da Plataforma Saneamento Ria de Vigo, Manuel Cao, patrón maior Confraría de A Coruña e portavoz da Plataforma Saneamento da Ría do Burgo, Joam Luis Ferreiro Caramés, biólogo da Confraría de Barallobre, Antón Masa da Plataforma Defensa Ría de Pontevedra, Manuel Soto Castiñeiras, profesor de Enxeñería Química da Universidade da Coruña,  Marta Domínguez, técnico de proceso do Complexo Medio ambiental de Tratamento de RSU da Mancomunidade do Barbanza, Joan Marc Simon, director executivo de Zero Waste Europa e Iñaki Errazkin, conselleiro de Medioambiente da Deputación de Guipuzcoa.

As xornadas foron organizadas polo BNG en colaboración co Grupo Verdes/ALE da Eurocámara e da Fundación Galiza Sempre, e foron inauguradas polo portavoz nacional, Xavier Vence, a eurodeputada Ana Miranda e o presidente da FGS, Xesús Veiga.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG