Vence: "A reforma da xustiza de Gallardón en Galiza é un desatino que provoca exclusión xudicial"

VENCE E CARLOS VARELA 1A reforma do mapa xudicial que propón o ministro Ruíz-Gallardón é “un desatino” porque suprime a proximidade entre os tribunais de xustiza e os administrados e provoca que o acceso á xustiza sexa cada vez máis difícil para os galegos e galegas.

Así o considera o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, que mantivo un encontro co Fiscal Xefe de Tribunal Superior de Xustiza de Galiza, Carlos Varela, con quen analizou e intercambiou opinións sobre os cambios lexislativos que se perfilan desde o Goberno central, e sobre a situación xudicial derivada da instrución dos distintos sumarios sobre corrupción que salpican a vida política a nivel nacional e estatal.

Vence subliñou que a reforma que propón Gallardón abre paso á “exclusión xudicial” porque suprime a “xustiza de proximidade” que facilita a actual distribución de plantas xudiciais por toda Galiza “que debe ser preservada”, ao que se suma “o incremento das taxas que encarecen o acceso á xustiza”.

O dirixente nacionalista considera que é preciso unha reforma dun sistema “decimonónico” baseado nas provincias, “pero ten que facerse desde Galiza e pensando na estrutura da poboación deste país”. Con esa premisa, o BNG propón “contar coa estrutura de sete áreas urbanas sobre as sete grandes cidades do país, pero hai que contemplar a existencia doutras comarcas moi densamente poboadas que tamén necesitan ter uns servizos xudiciais en proximidade”, explicou Vence.

En cambio, a proposta de Gallardón “vai na dirección de distanciar á cidadanía da xustiza, encarecela e, ademais, xerarquizala porque fai que os órganos xudiciais estean controlados desde Madrid por parte do Consello Xeral do Poder Xudicial”.

Vence foi moi crítico coa posición de “mirar para outro lado” que mantén tanto Rajoy como Feijóo cos casos de corrupción que salpican ao PP, formación política que, denunciou “está montada sobre unha rede de delincuencia para o financiamento da súa actividade política, que deturpa o normal funcionamento da democracia e das instrucións”, e sinalou aos máximos dirixentes populares en Madrid e en Galiza como “os dous grandes capos que están encima desa mafia de financiamento irregular do seu partido e, por tanto, deberían ser eles mesmos os que dimitiran”.

O dirixente nacionalista insistiu na posición do Bloque sobre a máxima de que todos os responsables políticos imputados por causas graves deben dimitir “sen agocharse tras o obvio principio da presunción de inocencia, porque os tempos políticos nada teñen que ver cos xudiciais”, alegou. Ademais, fixo fincapé en que “ese financiamento ilegal tamén supón unha vantaxe en termos electorais para os partidos que están instalados nesa práctica”.

Vence instou á cidadanía a “tomar nota e depurar responsabilidades” ante a inacción de Rajoy e Feijóo, indicando que as eleccións do 25 de maio son unha boa oportunidade para dicir non a esa forma corrupta de facer política, concluíu.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG