Vence propón iniciar o diálogo para fixar unha posición común contra o recorte da Cámara galega

INTERPARLAMENTAR BNG (22 NOV 2013).jpg2O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, dirixiu unha carta aos responsables das restantes forzas políticas no Parlamento para iniciar canto antes os contactos de cara a negociar unha “posición común” ante a proposta de recorte da Cámara galega que pretende sacar adiante unilateralmente o PP.

Na carta remitida onte a Besteiro, Beiras e Díaz, como responsables do PSdG-PSOE, Anova Irmandade e EU respectivamente, Vence propón “un encontro a nivel parlamentario para pór en común as propostas de todas as formacións políticas e, desde o diálogo, chegar a unha posición común”. Este encontro terá lugar a vindeira semana no propio Parlamento coa presenza, por parte do BNG, do portavoz parlamentario, Francisco Jorquera.

“Dada a importancia do asunto e desde a certeza de que compartimos a esencia dos obxectivos, propoñemos iniciar un diálogo con todas as forzas políticas de cara a conformar unha fronte común que se plasme nunha alternativa ao recorte do Parlamento que pretende o PP”, explica o dirixente nacionalista no escrito.

Vence salienta ademais o seu convencemento de que esa fronte común é o que espera a cidadanía: “A sociedade galega espera que evitemos esa contrarreforma involucionista, e contrastar as nosas propostas para elaborar unha posición común permitiríanos gañar en eficacia política para conseguilo”, argumenta na carta.

O dirixente do Bloque subliña que a proposta do PP que preside Alberto Núñez Feijóo “ten unha repercusión que vai máis aló dunha redución de escanos, pois afecta directamente á estrutura institucional do País, á calidade democrática, ao autogoberno e ao peso político de Galiza no conxunto do Estado e consolida un sistema electoral con enormes desequilibrios”.

Neste sentido, o BNG propón unha modificación da Lei Electoral para evitar ese desequilibrio “e acadar que o voto dos galegos e galegas teña o mesmo valor con independencia de que se poda introducir algunha corrección nos territorios con menos poboación”, indica o portavoz nacional.

O BNG ven de presentar unha proposta alternativa co obxectivo de preservar a integridade do Parlamento, acadar un sistema electoral que permita que o expresado nas urnas se traslade coa maior fidelidade á Cámara de representación da cidadanía, e acadar un aforro real de recursos públicos.

En concreto, propón a supresión das deputacións provincias que contabilizan un gasto de persoal de 131 millóns de euros anuais, a administración periférica do Estado, -delegación do goberno e ministeriais-, cun aforro de 40,5 millóns ao ano, os asesores nomeados a dedo polo presidente da Xunta, sen descartar tampouco recorte de gasto no Parlamento, empezando polo Mesa da Cámara e o salario da Presidencia.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG