O BNG considera necesario iniciar o camiño cara un modelo de xestión do lixo alternativo ao de Sogama centrado na incineración, por outro que aposte maioritariamente pola redución, reciclaxe e reutilización como o que representa o Complexo Medioambiental do Barbanza, cuxas instalacións foron visitadas polo portavoz nacional, Xavier Vence, acompañado do alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, Concello que en maio deixará a planta de Cerceda para incorporarse a Lousame.
Tras a visita, Vence lanzou como proposta na que debería empezar a traballar a Xunta, o planificación e desenvolvemento de plantas comarcais de xestión de residuos distribuídas por todo o país similares a do Barbanza, que prestaran servizo aos concellos, agrupados por criterios de proximidade, que racionalizase custes de desprazamento e que apostase por unha xestión sustentable desde o punto de vista medioambiental, pero tamén económico e social.
O portavoz nacional salientou a capacidade de xerar actividade económica e postos de traballo das plantas de tratamento e reciclaxe de lixo, que no caso das instalación da Planta do Barbanza da emprego a 150 persoas da comarca.
Igualmente, Vence foi moi crítico coa imposición unilateral da Xunta do taxazo de Sogama, que implica un incremento da factura do lixo do 34% sen negociación algunha cos concellos, e cualificou de inaudito que Feijóo se negue a recibir a un centenar de rexedores para falar deste asunto.
No sabemos cales son as grandes ocupacións da axenda do Sr. Feijóo que lle impiden nada menos que recibir a un cento de alcaldes e alcaldesas que representan a miles de veciños e veciñas de todo o país, nunha actuación prepotente e antidemocrática, criticou Vence, quen instou ao presidente da Xunta a negociar unha subida unilateral dun servizo básico que suporá nos concellos que Goberna o BNG un incremento da factura de 1,9 millóns de euros.
Vence lembra que os rexedores enviaron por escrito a petición de reunión para manter o encontro este mes, que está a punto de expirar sen resposta algunha por parte do presidente da Xunta.
Non se pode gobernar instalado nun trágala permanente de medidas que se impoñen de xeito unilateral sen a mínima marxe para a negociación e o diálogo, cando estamos a falar de decisións que afectan directamente ao conxunto da cidadanía, como é o caso deste servizo básico, alegou o dirixente nacionalista.
Pese á situación de case monopolio de Sogama, o BNG aposta por outras alternativas. En concreto, o concello de Rianxo, segundo explicou o seu alcalde, o nacionalista Adolfo Muíños durante a visita, aprobará en pleno en menos dun mes o cambio da planta de Cerceda á de Lousame, co obxectivo de que en maio a recollida e xestión de residuos do municipio se faga en base ao modelo alternativo á incineración que ofrece Sogama.
A portavoz parlamentar de Medioambiente, Ana Pontón, e a secretaria de Política municipal, Goretti Sanmartín, tamén participaron na visita explicativa do modelo de xestión de lixo da planta ubicada no Barbanza.