Vence na Diada: "Cando un pobo decide facerse co seu futuro é imparable"

O BNG participou nos actos de celebración da Diada convidado por ERC e valora que a decisión da sociedade catalá de decidir o seu futuro e apostar por unha Catalunya independente non ten marcha atrás.

“Esta sociedade está na recta final para a construción da nación catalá, nun proceso imparable que afronta sen medo ao futuro”, salientou o portavoz nacional, Xavier Vence. “Para o BNG é un estímulo ver que cando un pobo decide facerse coas rendas do seu futuro é imparable, como está a pasar en Catalunya”, e reflicte tamén o “fracaso do modelo de Estado centralista, incapaz de darse conta do alcance deste proceso, ao que só sabe contestar con bravatas”.

Desde a evidencia de que os tempos políticos son diferentes en Galiza e Catalunya, Vence considera que “os galegos e as galegas debemos asumir coa mesma decisión que os nosos problemas non se van resolver desde fora, que o futuro depende de nós e que España é un corsé que impide o desenvolvemento doutras nacionalidades”.

Neste sentido, o portavoz nacional do BNG convida a toda cidadanía galega a participar masivamente na manifestación do próximo domingo 15 de setembro baixo o lema Por unha patria soberana, “porque reclamar máis soberanía non é un capricho ou unha ocorrencia ideolóxica senón o desexo de que Galiza conte coas mellores ferramentas para defender o seu futuro”.

A representación do BNG, encabezada polo portavoz nacional, Xavier Vence, e pola secretaria de Política Internacional, Ana Miranda, aproveitou a estancia en Barcelona para manter contactos ao máximo nivel coa dirección de ERC, incluído o seu presidente, Oriol Junqueras, e con outras forzas soberanistas do resto do Estado.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG