Vence e Junqueras na Eurocámara nunha conferencia política sobre o dereito a decidir

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, participa mañá mércores no Parlamento Europeo nunha conferencia política sobre o dereito a decidir organizada pola Alianza Libre Europea (ALE) na que compartirá panel co presidente de ERC, Oriol Junqueras, e co coordinador de Aralar, Patxi Zabaleta.

Baixo o título, O dereito a decidir: un dereito democrático, a conferencia será inaugurada pola eurodeputada galesa e presidenta da ALE, Jill Evans, e clausurada polo eurodeputado de Flandes, Mark Demesmaeker, e contará coas intervencións de Jaume López, da Universidade Pompeu-Fabra de Barcelona e con Daniel Turp, da Universidade de Montreal-Québec.

Galiza, co seu propio ritmo

No marco desta conferencia, Vence salientará a necesidade de que Galiza incremente a súa capacidade de decidir e de ter voz propia tamén na Unión Europea, desde o convencemento de que camiñar cara a soberanía de Galiza é a mellor alternativa para buscar solucións aos problemas propios do país.

Neste sentido, sinala o portavoz nacional, “hai exemplos moi recentes do prexudicial que resulta que outros decidan por nós, como o caso do Porto de Vigo, excluído da primeira división das infraestruturas europeas a favor do Porto de Tenerife grazas aos votos de PP e PSOE recollendo unha decisión do Estado español, ou o acordo pesqueiro UE-Mauritania, que contou co voto do Estado español e co apoio maioritario dos eurodeputados de PP e PSOE, porque beneficiaba á frota andaluza, pero exclúe á frota cefalopodeira galega, sen alternativas desde fai meses”, explicou.

Unha Galiza que tivese as ferramentas propias dun estado, unha Galiza soberana, salienta Vence, cando menos negociaría directamente os seus intereses na Unión Europea, “sen intermediarios que, tantas veces, deciden que Galiza pode esperar e queda relegada fronte a outras partes do Estado español”.

Na conferencia, o portavoz nacional do BNG explicará que significa o dereito a decidir para Galiza, cuxo ritmo cara maiores cotas de autogoberno vira marcado polos galegos e galegas, sen seguidismos dos procesos emprendidos noutras partes do Estado.

A conferencia ten lugar, despois de que o Consello Nacional do Bloque aprobase por unanimidade o documento cos criterios para a conformación de cara a unha candidatura nacionalista de esquerdas para os comicios europeos de maio de 2014, sen renunciar a unha candidatura unitaria do nacionalismo galego, como primeiro paso a súa integración nunha macrocoalición de forzas homólogas doutras nacións sen estado, nomeadamente, Euskadi e Catalunya.

A Alianza Libre Europea é un partido político europeo integrado por forzas nacionalistas de 13 Estados da UE, do que forma parte o BNG e, dentro da Eurocámara, está integrado no Grupo Verdes/ALE, con 58 eurodeputados, o cuarto do Parlamento Europeo. Ademais do Bloque, tamén forman parte da ALE, ERC, Aralar, Eusko Alkartasuna-EA, Bloc Nacionalistaa Valenciá-BNV, Chunta Aragonesista-CHA, PSM-Entesa Nacionalista das Illas Baleares e Nueva Canarias.

Adxuntamos programa da conferencia

Conferencia de Vence en Bruxelas 13 novembro 2013

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG