Vence destaca o traballo que realizan os alcaldes do BNG da Costa da Morte

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, percorreu na xornada de hoxe diversos concellos da Costa da Morte, como Cee, Vimianzo, Zas e Carnota. Na visita, o nacionalista manifestou o respaldo da fronte nacionalista ás diversas demandas económicas, medioambientais e culturais encamiñadas a mellorar a calidade de vida dos veciños e veciñas na zona, así como o apoio e solidariedade aos afectados polas preferentes, cos que mantivo un encontro.

Precisamente neste contexto o Bloque reclamou a posta en marcha do saneamento integral da ría Cee. “Trátase dunha reivindicación básica non só por cuestións sanitarias e medioambientais, senón tamén para promover o aproveitamento dos recursos da ría, en especial os relacionados co marisqueo”, destacou o portavoz nacionalista ao respecto.

Continuidade do centro de día

Por outro lado, Xavier Vence manifestou o “total respaldo” do BNG á reivindicación do Concello de Carnota para que a Xunta non peche unilateralmente o centro de día. O responsable nacionalista considerou “lamentable que o goberno galego ameace con pechar unilateralmente estas instalacións”.

Nesta liña destacou que este centro resulta indispensable “en tanto que presta un servizo fundamental nun concello rural das características do de Carnota”, polo que dixo non entender por que a Xunta pretende pechalo “sen valorar as consecuencias da decisión”.

Esforzo pola dinamización

Ao longo do percorrido polos diferentes concellos, Vence salientou o esforzo que están facendo gobernos nacionalistas de Carnota, Vimianzo e Zas pola dinamización da comarca e para proporcionar servizos fundamentais á veciñanza.

En Carnota salientou o esforzo do goberno encabezado por Ramón Noceda na dinamización do municipio mediante a promoción de actividades agrícolas sostibles. No tocante a Vimianzo e Zas, o portavoz nacionalista puxo de relieve o traballo que está a levar a cabo o equipo de goberno encabezado por Manuel Antelo e Manuel Muíño, respectivamente, na dinamización económica a través do patrimonio. “A Xunta debería ser consciente deste gran esforzo e respaldar estas iniciativas de promoción”, comentou ao respecto.

Ademais, Xavier Vence participou na concentración que a plataforma de afectados polas preferentes da Costa da Morte convoca os venres diante das oficinas de NCG. No encontro trasladoulles o apoio do BNG e presentoulles as iniciativas que o Bloque levará ao Congreso a vindeira semana con alternativas para os afectados.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG