Vence denuncia que a submisión de Feijóo a Madrid supón a ruína da frota galega do cerco

VENCE REUNION FROTA CERCO 1A diferencia entre a frota do cerco vasca e galega é que a primeira tivo detrás un goberno que negociou co sector unha postura para defender ante Madrid, e a segunda ten un goberno que se nega a reunirse cos representantes da frota e asume o preacordo do Ministerio de Pesca pese a ser rexeitado polo sector. Consecuencia, a frota vasca recibe o 50% da cota de xarda e xurelo, mentres que Galiza apenas acada un 25% das capturas totais.

O portavoz nacional, Xavier Vence, facía está síntese tras a reunión mantida cunha representación da frota do cerco, e interpreta o sucedido nas negociacións co Goberno central como un síntoma “do nulo peso político que ten Feijóo á hora de negociar os intereses do país en Madrid, afrontando este asunto cun desleixo cada vez máis habitual cando se trata de abordar cuestións que afectan a Galiza”.

Vence salienta que estamos ante unha cuestión que afecta ao futuro dun sector da frota galega formada por 154 embarcacións, máis de 1.200 empregos directos e que supera os 5.000 empregos indirectos en vilas mariñeiras altamente dependentes da actividade pesqueira. “O BNG non acepta que a actitude de submisión de Feijóo a Madrid condene a esta frota e a esas vilas mariñeiras á ruína, e por iso reclamamos un reparto xusto das cotas de xarda e de xurelo por parte do Goberno central”.VENCE REUNION FROTA CERCO 2

Neste sentido, ademais das iniciativas presentadas no Parlamento, o portavoz nacional reclama tres cuestións inmediatas: reunión da conselleira de Pesca coa frota, negociación dunha postura que beneficie ao cerco e impugnar o actual reparto de xarda e xurelo.

“Ten que haber unha reunión co sector, fixar un acordo en base aos intereses da nosa frota do cerco e, finalmente, que o Goberno galego defenda con uñas e dentes ese acordo en Madrid”, insistiu Vence. Neste sentido, reclamou a Feijóo e a Rosa Quintana “unha reunión inmediata co sector” e cualificou de inaudito que a conselleira de Pesca fago oídos xordos a petición do cerco “pese a estar ameazado de morte”.

Como fan outros gobernos, a Xunta ten que “reunirse co sector, negociar un acordo e con iso ir a Madrid a defender os intereses da frota e non dar a calada por resposta”, recalcou.

O dirixente nacionalista cualificou de “absolutamente inxustificable que a Xunta non poña os intereses do sector encima da mesa e acepte as consignas do señor Cañete”, bendicindo un preacordo que implica unha redución “brutal” das posibilidades de capturas, mentres aumentan para outras frotas do Estado.

“Dun plumazo poden borrar á metade da frota galega”, resumía a situación o patrón maior da Confraría de Sada, Andrés García, na reunión da frota do cerco co portavoz nacional, na que tamén asistiu o portavoz parlamentar de Pesca, Daniel Rodas, e o responsable de CIG-Mar, Xavier Aboi.

 

 

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG