Vence defende na Eurocámara unha Galiza con voz propia como un país máis da UE

Vence na Eurocamara1O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, defendeu no Parlamento Europeo a necesidade de que Galiza teña “voz propia como un país máis na UE” para, desde as institucións comunitarias, defender “sen intermediarios” os seus intereses de país en Bruxelas, desde o convencemento de que “non hai mellor camiño para que resolver os problemas específicos de Galiza, dos seus sectores produtivos”.

O dirixente do Bloque, acompañado da secretaria de Política Internacional, Ana Miranda, fixo esta valoración na Eurocámara, onde compartíu conferencia política sobre o dereito a decidir co presidente de ERC, Oriol Junqueras, e co coordinador de Aralar, Patxi Zabaleta, onde salientou que Europa debe contribuír “a recoñecer as aspiracións de soberanía de Galiza, Catalunya ou Euskadi por respecto democrático”.

Neste sentido, salientou que ningúen está pensando en Europa en expulsar da UE a Escocia ou Flandes se optan pola independencia, “nun signo de normalidade democrática do que debe tomar nota o Estado español”, dixo.

Na Eurocámara, Vence salientou que “o BNG aspira a que Galiza teña no futuro presenza directa como un país máis dentro da Unión Europea, con representación en todas as institucións para defender os intereses dos nosos sectores produtivos, das empresas e das familias”.

Vence na Eurocamara2

“Temos sobrados exemplos de que Galiza perde cando é o Estado español quen negocia por nós, como o caso do Porto de Vigo, excluído do primeiro nivel das infraestruturas europeas, ou o acordo pesqueiro UE-Mauritania que excluíu á frota cefalopodeira”, argumentou. “Necesitamos ser nós mesmos quen negociemos os intereses do noso sector agrario e pesqueiro cando se negocia a Política Agraria Común e  a Política Pesqueira Común, o reparto que nos corresponde dos fondos europeos, o futuro do sector naval ou o saneamento das rías galegas”, recalcou.

“Unha Galiza que tivese as ferramentas propias dun estado, unha Galiza soberana, salienta Vence, cando menos negociaría directamente os seus intereses na Unión Europea.

O portavoz do BNG salientou tamén que espera que o resultado das eleccións europeas de maio de 2014 supoña un avance das forzas nacionalistas de esquerda das nacións sen estado, como Galiza, Euskadi ou Catalunya, “porque iso suporía un avance no recoñecemento da Europa dos pobos”. “Nos últimos anos, xurdiron 16 novos estados en Europa, polo que é preciso ver con normalidade a demanda de maior autogoberno como a que o Bloque defende para Galiza”, concluíu.

A conferencia foi organizada pola Alianza Libre Europea é un partido político europeo integrado por forzas nacionalistas de 13 Estados da UE, do que forma parte o BNG e, dentro da Eurocámara, está integrado no Grupo Verdes/ALE, con 58 eurodeputados, o cuarto do Parlamento Europeo. Ademais do Bloque, tamén forman parte da ALE, ERC, Aralar, Eusko Alkartasuna-EA, Bloc Nacionalistaa Valenciá-BNV, Chunta Aragonesista-CHA, PSM-Entesa Nacionalista das Illas Baleares e Nueva Canarias.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG