Vence critica as medidas de Rajoy porque "renuncian a loitar contra o paro e abandonan aos parados"

O portavoz nacional do BNG, Xabier Vence, amosouse moi crítico co denominado “Programa Nacional de Reformas” aprobado hoxe polo Consello de Ministros porque “deixan en evidencia que o Goberno de Rajoy renuncia a loitar contra o drama insostíbel do paro, e abandona literalmente aos 6.202.700 de desempregados”.

O portavoz nacional do BNG pón de manifesto que “o día despois de coñecer os dados da EPA, o Goberno demostra que non está no que ten que estar que é combater o paro. Non é unha prioridade para o Executivo porque o mesmo Guindos recoñece que “son medidas para medio prazo”. Ademáis, “insisten na mesma liña de política económica, a obsesión polo défice e a consolidación fiscal que levaron a máis de seis millóns de parados. Non abandonan o “austericidio” e os recortes, co cal o futuro será máis do mesmo: máis paro, máis recesión, máis empobrecemento, unha brutal caída do consumo, e unha economía atrapada na crise”.

A reforma laboral debe ser anulada e non “avaliada”

O portavoz nacional do BNG subliña que “o pouco que adiantan en tema laboral se reduce a un Plan Anual de Emprego “para avaliar os efectos da reforma laboral”. Preguntémonos canto tempo máis precisan para recoñecer o fracaso estrepitoso desta reforma? Non é o momento de avaliacións, é o momento de retirar xa unha reforma con efectos perniciosos: é unha fábrica de creación de parados”.

Renuncian a incentivar o consumo interno

Para Vence “cuestións como o Plan de internacionalización de emprendedores demostra que o Goberno renuncia a incentivar o consumo e a demanda interna, e fan unha aposta ficticia porque tratan de desviar a atención cara o señuelo das internacionalizacións”. Traen proxectos de lei que xa anunciaron no seu día, “algúns deles invaden claramente as competencias autonómicas como a Lei de Mercado Único e continúan no camiño da centralización”.

Os impostos especiais págaos todo o mundo

No que atinxe á racionalización da Administración, sinala Vence que “cargan contra os pequenos concellos e premian ás deputacións. Os concellos son a administración máis cercana á cidadanía, a máis directa en atención á xente, e as deputacións xa sabemos que son un niño de caciquismo e duplican as funcións das demáis administracións pero o PP se resiste a eliminalas”.

En relación aos impostos Especiais, reprochou ao Goberno que “insistan na liña de gravar impostos indirectos que paga todo o mundo”. E foi moi crítico coa “desindexación do IPC porque supón desligar definitivamente as rendas de traballo ou as pensións do indicador que mide o nivel de vida. Así que continuarán a rebaixar salarios”. E censura que sigan cargando parte do axuste bancario sobre os aforradores através do Imposto de Depósitos.

Non ofrecen futuro á xente

Censurou o anuncio da Vicepresidenta Primeira do Goberno dunha “nova lei de Caixas tendente á súa total profesionalización. É dicer, a morte absoluta do pouco que queda das Caixas e a súa total conversión en banca privada”.

En conclusión, o portavoz nacional do BNG afirma que “todo vai cambiar para non cambiar nada, é dicer, as súas políticas económicas van seguer igual co cal se vai agravar aínda máis a crise: Desemprego, máis impostos, menos salarios e pensións e todo para salvar a banca como recomenda a troika Non ofrecen unha saída nen un futuro a unha sociedade que está ao límite de superviviencia. E continúan sendo os alunos máis disciplinados coas doutrinas de Merkel”. Ademáis, engadiu que o “discurso triunfalista da Vicepresidenta choca coa realidade de parálise económica, incluso cunha maior recesión. Un Goberno que se corrixe a si mesmo porque os Orzamentos para este ano son papel mollado”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG