Vence: " O BNG non acepta que IU nos dea leccións de como defender os intereses de Galiza"

 O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, pidiu aos voceiros de IU “mesura” nas súas declaracións e que non caigan “no atrevemento” de pretender dar leccións ao nacionalismo galego sobre como defender os intereses de Galiza.

“Pídolle a IU que teña a prudencia de non darlle leccións ao BNG de como defender os intereses de Galiza e, desde logo, non será a formación de Cayo Lara nin de Yolanda Díaz a que marque a folla de ruta do nacionalismo galego en función da súa estratexia electoral”, salientou Vence.

“Ter altura de miras, -engadiu-,  non consiste en plegarse á estratexia electoral de IU, como pretenden os seus voceiros en Galiza e en Madrid, ter alturas de miras é defender os intereses dos galegos e das galegas, das persoas que están sendo trasteadas pola crise, dos parados, dos pensionistas, das familias que non dan chegado a fin de mes, do noso tecido produtivo. Nesa tarefa non admitimos leccións de ninguén, tampouco de IU”.

O portavoz nacional do BNG cualificou de “lexítimo” que a formación de Cayo Lara teña a súa propia estratexia electoral de cara ás europeas. “Non queremos darlle consellos a ninguén, aceptamos que cada quen teña a súa folla de ruta, pero non imos aceptar que desde Madrid se impoña unha folla de ruta ao nacionalismo galego”, recalcou.

Neste sentido, Vence salientou que o BNG segue coas “portas abertas” ás forzas nacionalistas de esquerda de cara a configurar unha coalición unitaria galega ás europeas, como paso previo a conformar unha gran coalición con outras forzas homólogas das outras nacións do Estado, nomeadamente Euskadi e Catalunya. “A nosa posición é clara”, concluíu.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG