Valoración do BNG sobre a sentenza da Audiencia Nacional

En relación á sentenza da Audiencia Nacional, o BNG quere facer as seguintes consideracións:

1º O BNG considera que en Galiza non existe ningún fenómeno terrorista e ten o convencemento de que esta percepción é compartida pola inmensa maioría da cidadanía galega, a pesar do empeño do PP por crear alarma e implantar a falsa idea de que o noso país ten un problema de terrorismo.

2º O BNG salienta que coa actual lexislación antiterrorista cada vez máis supostos que habitualmente serían xulgados como actos vandálicos aplicando o código penal, pasan a ser xulgados directamente coa lei antiterrorista. Con todo, cómpre lembrar que se trata dunha normativa de excepción aprobada polo Goberno do PP presidido por José María Aznar.

3º O BNG advirte que esta sentenza política pode ser aproveitada, cunha interpretación extensiva desa lexislación de excepción, como patente de corso para criminalizar calquera contestación social ás políticas do Partido Popular, como primeira peza dunha estratexia política máis ampla destinada a perseguir e demonizar as organizacións políticas ou sociais críticas co Goberno do PP en Galiza e no Estado.

4º O BNG considera que a sentenza é desproporcionada e inxusta por aplicar penas de excepción para casos tipificados como de terrorismo a feitos que coa lexislación ordinaria terían penas moi inferiores ou mesmo serían sobreseídos. A sentenza esconde unha clara intencionalidade política dando por feito a existencia dun fenómeno terrorista en Galiza que a cidadanía non percibe e que moito/as expertos/as negan.

 5º O BNG reafirma o rexeitamento e condena de todo tipo de violencia e tamén de toda estratexia política que tente utilizar calquera feito violento para reducir dereitos individuais e colectivos ou para criminalizar e perseguir ideas políticas expresadas democraticamente.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG