Rosana Pérez a Wert: "Retire a LOMCE e retírese vosté Señor Ministro"

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, dirixiuse esta tarde ao Ministro de Educación para pedirlle que “retire a LOMCE” e “retírese vosté pola nula capacidade de consenso e por servir a intereses moi distintos dos que demanda a inmensa maioría da sociedade”.

O Ministro de Educación, José Ignacio Wert, comparecía esta tarde a solicitude do BNG e doutros grupos para dar conta da polémica reforma educativa aprobada o pasado venres no Consello de Ministros. “O BNG, subliñou, desde que tivemos coñecemento do anteproxecto de lei, sempre nos posicionamos en contra, en coincidencia con todos os sectores educativos e sociais do Estado”.

Rosana Pérez acusou a Wert de “repetir que dialogaron con todo mundo, pero a realidade é que é a reforma máis contestada que lembramos en moito tempo”. Unicamente, subliñou, “tiveron xuntas e contactos pero nen dialogaron nen acordaron nada con case ninguén, salvando os impulsores da lei. Unha lei impulsada pola xerarquía da Igrexa católica, agrande patronal do ensino privado e concertado, e os sectores máis reaccionarios e retrógrados da dereita que priorizan a ideoloxía, a uniformización, a imposición e a recentralización por riba da igualdade de oportunidades, a calidade e estabilidade”.

O dictame do Consello de Estado “levaría á demisión imediata en calquera pais da UE”

Aludiu ao Dictame do Consello de Estado e afirmou que “ese dictame levaría á demisión imediata en calquera pais da UE que vostés tanto veneran”. Rosana Pérez sinalou que “vosté xustifica sistematicamente a reforma en base ao fracaso escolar, pero nos preguntamos en que xeito vai influir na diminución do fracaso escolar a legalización dos concertos cos centros que segregan o seu alunado por sexos e en contra das propias sentenzas dictadas polos Tribunais?”.

Non é unha lei para combater o fracaso escolar senón para “o control ideolóxico”

Como vai influir na reducción do fracaso escolar a recuperación do carácter evaluábel da relixión? E como a imposición lingüística?”. Como pode influir no fracaso escolar a invasión de competencias das CC.AA?”

Para a parlamentar nacionalista “é un texto preconstitucional, que establece a imposición lingüística en favor da españolización do alunado nos territorios con lingua propia, onde os cidadáns e CC.AA terán que pagar a escola privada dos alunos que queiran escolarizarse en castelán”.

E finalmente, preguntouse como pode influir na reducción do fracaso escolar “o desprezo da profesionalidade do profesorado e da xestión democrática dos centros”. Rosana Pérez concluiu que a lei ten como eixe “o control ideolóxico da poboación”.

Acusou a Wert de “nula vontade de consenso”. Augurou Rosana Pérez que “o fracaso escolar que vostés utilizan como mantra para aprobar a lei, afectará aínda máis ao alunado con menos recursos, con maiores dificuldades para a aprendizaxe ou con necesidades específicas”. Rematou demandando ao Ministro a retirada da lei e do “Ministro que a promove por servir a intereses moi distintos e moi alonxados dos que a inmensa maioría da cidadanía reclama”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG