Rosana Pérez solicita a comparecencia de Soria para que aclare se vai subir a luz en xaneiro

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, solicitou hoxe a comparecencia do Ministro de Industria, José Manuel Soria, para que acuda á Cámara a informar do “auténtico lío existente coas empresas eléctricas a razón do défice tarifario”.

A deputada do BNG considera que ante as últimas novas, e após de se saber que o Ministerio de Facenda retirou a partida de 3.600 millóns comprometidos nos Orzamentos Xerais do Estado para o 2014 para cubrir o défice, “o Señor Soria debe vir ao Congreso a explicar que negociacións está a manter coas eléctricas, e sobre todo, debe aclarar se a decisión de última hora de Facenda suporá que os consumidores teñan que afrontar importantes subas da electricidade a partir de xaneiro”.

Non se poden permitir más subas da luz

Rosana Pérez afirma que “os titubeos do Ministro nada bón auguran, especialmente despois de escoitar ás eléctricas anunciar que a luz vai subir de maneira importante a partir de primeiros de ano”. Para a deputada do BNG “coa que está caendo, cando sabemos que miles de fogares no estado español non poden prender a calefacción porque non poden asumir as facturas, o último que debería acontecer é un incremento da luz. Nunha situación como a actual, o recibo da luz non pode aumentar más”.

A parlamentar do BNG pide a Soria que “non permita que o recibo da luz suba nin un céntimo máis” e que solvente o problema do défice tarifario coas eléctricas de xeito que non recaia “nos de sempre, os consumidores”.

Ademáis, Rosana Pérez demanda ao titular de Industria que explique que medidas vai adoptar para o impulso das enerxías renovábeis, “tendo en conta o menor impacto ambiental destas enerxías alternativas en relación ás convencionais, así como o impacto positivo que xeneran na balanza comercial. Pide a Soria que dialogue co sector de enerxías renovábeis”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG