Rosana Pérez presenta unha proposición para que se reduzan as peaxes da AP-9 nun 32%

congresoBNG9A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, presentou unha proposición non de lei na Cámara cunha serie de demandas relativas á autoestrada do Atlántico AP-9.

Así, Rosana Pérez pide que se xestione coa concesionaria da AP-9, a rebaixa dos prezos das peaxes polo menos nunha porcentaxe do 32% que “é a porcentaxe de incremento das tarifas desde o ano 2007”.

Demanda a Fomento que reclame a Itínere a aplicación dun programa de descontos polo uso frecuente da autoestrada, e que “exixa á empresa concesionaria que repercuta os seus multimillonarios beneficios na mellora da autoestrada que adolece de deficiencias en moitos dos seus tramos, e na mellora da calidade do servizo”.

Rosana Pérez insta ao Goberno a “rematar coa explotación privada da AP-9 e convertela nunha autoestrada pública gratuita que cumpra coa súa función de rede de comunicación que vertebra todo o territorio galego de norte a sur”. Nun último punto, demanda o traspaso á Xunta da xestión desta importante infraestrutura viaria.

A deputada do BNG reprocha á Ministra de Fomento que “faga ouvidos xordos á solicitude social, e de formacións como o BNG, de redución dos elevados prezos das peaxes”. E subliña que o gasto en peaxe entre Madrid e Ferrol é menor que entre Ferrol e Vigo, 16,20 euros no primeiro caso e 17,65 euros no segundo caso.

Os galegos e galegas non poden asumir tan elevadas peaxes

Critica que o Goberno de Aznar ampliase a concesión a AUDASA para explotar a AP-9 até o ano 2048, “unha explotación que outorga grandes beneficios económicos a esta empresa, que non para de aumentar as peaxes”. Así, explica, desde o ano 2003 AUDASA incrementou nun 50% os prezos entre A Coruña e Vigo, pasando de 10,28 euros a 15,35. “Está máis que amortizada”.

Rosana Pérez censura que a pesar destes beneficios, a empresa “nin siquera os repercute na mellora do vial. Non mellorou a iluminación nin o asfaltado en moitos tramos e incluso diminuiu o número de cobradores cando en periodos estivais se forman longas colas”.

“En aras a unha xustiza redistributiva, apunta Rosana Pérez, deberían reducirse as peaxes na mesma porcentaxa na que se incrementaron nestes últimos anos”. E tíldao de “abuso” lembrando que os galegos e galegas “non teñen outra opción que ir por unha vetusta N-550, duplicando os tempos de viaxe e con risco para a súa seguridade”.

Advirte que a AP-9 “vai camiño de se converter nunha vía morta debido a que moitos usuarios non poden facer fronte a custes tan altos”. Critica que Fomento anuncie o resgate de nove autoestradas en situación de concurso de acreedores, a maioría delas en Madrid, con cartos de todos os contribuíntes do estado. E só para que Fomento resgate ás grandes constructoras e á banca”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG