Rosana Pérez presenta no Congreso unha proposición de lei para modificar a Lei de Amnistía

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, presentou na Cámara unha proposición de lei que plantexa a modificación da Lei de Amnistía que data de 1977.

A deputada do BNG considera que a lei é un obstáculo para investigar os crimes da dictadura franquista e facer xustiza coas vítimas. “Unha lei que acabou equiparando a vítimas e verdugos”.

Para Rosana Pérez a interpretación da Lei de Amnistía se aplicou á marxe de moita lexislación internacional promulgada en protección dos dereitos humanos e relativa á xurisdición universal aplicábel a crimes de lesa humanidade, como os cometidos durante o réxime dictatorial de Franco.

“A xustiza, a memoria e a reparación das vítimas da dictadura franquista, con máis de 100.000 desaparicións no estado, exixen que os crimes non queden impunes”, afirma Rosana Pérez, quen lembra a recente visita do relator da ONU, Pablo de Greiff, que demandou ao estado español a xulgar as desaparicións da dictadura franquista. Incluso criticou, sinala Rosana Pérez, que a lei de amnistía cumpra “funcións de lei de punto final”.

Veto no estado español

A deputada do BNG lembra que o BNG leva anos demandando a modificación desta lei pero “sempre nos atopamos coa oposición do PP e do PSOE”.

E contrastou “esta situación de veto no estado español coa procura da xustiza noutros estados”, en alusión á cada vez máis numerosa adhesión de vítimas e familiares á querela interposta en Arxentina contra a represión e torturas practicadas no franquismo. Afirma que a “busca de xustiza non pode ser reprimida por lei”.

A deputada do BNG salienta que “lle debemos ás vítimas a reparación da memoria, coñecer a verdade, que se investiguen e xulguen os graves crimes cometidos pola dictadura franquista, e non que se impoña o silenzo e o esquecemento”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG