Rosana Pérez presenta unha batería de iniciativas para parar os recortes nas bolsas Erasmus

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, pediu a comparecencia urxente da Secretaria de Estado de Educación, Montserrat Gomendio, para que acuda á Cámara a explicar a que se debe o novo tesourazo nas axudas aos estudantes, neste caso os recortes nas bolsas Erasmus.

Ademáis, a deputada do BNG presentou unha batería de iniciativas parlamentares: unha proposición non de lei, unha pregunta escrita e outra oral para demandar ao Goberno que anule a orde ministerial que modifica de repente os requisitos para acceder a unha bolsa Erasmus cando a gran parte dos beneficiarios e beneficiarias xa están nos países de destino, e se atopan agora con que o

Goberno español lles recorta a contía a aportar polo estado.

O obxectivo do PP é reducir as bolsas e axudas aos estudantes

A deputada do BNG critica duramente a decisión do Ministerio de Educación que decidiu cambiar nunha orde ministerial da semana pasada as condicións para acceder a unha bolsa Erasmus: exixe agora ter sido beneficiario/a dunha axuda xeral no curso pasado. É dicer, ter estado exento de pago de matrícula.

Rosana Pérez advirte deste novo recorte que “novamente vai pechar portas en lugar de abrilas no eido das axudas ao estudo. E por riba, a estas alturas de cursos xa iniciados, o Goberno deixa tirados a centos de estudantes que xa se atopan nos países de destino”. Para a deputada do BNG “esta maneira de actuar denota unha total opacidade, falla de transparencia e que o Ministerio se move con nocturnidade e alevosía”.

Lembra a parlamentar nacionalista que a contía que aporta o Estado español é complementar da que aporta a UE. Coa esta decisión, a mocidade que non sexa beneficiaria dunha bolsa de axuda xeral só van receber a parte que aporta a Comisión Europea, uns 133 euros mensuais, a parte que no seu caso aporte a CC.AA (tendo en conta que moitas o eliminaron), e a parte da Universidade. Polo tanto, estes estudantes contarán tan só cunha paga situada en torno aos 300 euros.

Rosana Pérez reprocha ao PP que continúe coa estratexia de “complicar cada vez máis o acceso a unha educación de calidade aos estudantes con menos recursos e facilitar o camiño aos que contan con mellores posicións económicas”. Advirte que o obxectivo de Wert é “o de reducir as bolsas á mínima expresión”.

Por iso, insta ao Goberno a anular a orde do Ministerio que modifica os requisitos para unha bolsa Erasmus, e demanda que se cambie a estratexia política en materia de axudas ao estudo, de xeito que sexa unha prioridade, aumentando as bolsas e mellorando e facilitando o acceso.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG