Rosana Pérez pregunta a Fomento se colaborar coa Xustiza no Alvia "é recorrer o auto do xuiz"

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, presentou unha iniciativa parlamentar na Cámara para pregunta á Ana Pastor se “colaborar coa Xustiza no accidente do Alvia significa que o Adif recurra o auto do xuiz por imputar a unha serie de cargos do ente ferroviario”.

Rosana Pérez subliña a necesidade de esclarecer as verdadeiras causas do sinistro do Alvia do 24 de xullo, reprocha ao PP ter impedido no Congreso a tramitación da solicitude dunha Comisión de Investigación proposta polo BNG ao rexeitar na Mesa da Cámara que se poida debater nun pleno.

Si pero non

E alude ao proceso xudicial aberto que está a evidenciar responsabilidades de Adif e Renfe. “No ámbito xudicial, o xuiz que instrúe o caso imputou a numerosos cargos relacionados coa seguranza na circulación e responsábeis de Adif. Máis parece que os servizos xurídicos do xestor ferroviario preparan un recurso contra o auto do xuiz”.

A deputada do BNG cualifica este xeito de proceder de “política do pao e da cenoria. A Ministra de Fomento non se cansa de repetir aos catro ventos que “a prioridade fundamental do Goberno é que se esclarezan as causas do accidente e colaborar coa Xustiza”, ao mesmo tempo que se preparan recursos contra un autor que chama a declarar a cargos do Adif”.

Esta é a razón pola que a parlamentar nacionalista pregunta a Fomento “por que razón o Adif está a preparar un recurso contra a imputación de numerosos cargos do Adif” e resalta as “contradiccións entre as manifestacións de colaborar coa Xustiza e o recurso para que non comparezan cargos de ente ferroviario”. Rosana engade que “desde o noso punto de vista, estamos ante unha obstaculización do traballo da xustiza porque se a meta é investigar até o final non tería por que haber problema en que declaren cargos do Adif”.

Ademáis, a deputada do BNG quer saber que órgao solicitou no seu día que os Alvia puidesen operar sen o sistema de seguranza ERTMS e funcionar só co ASFA. “Foi Renfe? Autorizouno o Adif? Por canto tempo? De ser así, non estaríamos a falar da responsabilidade dos dous órgaos ferroviarios por rebaixar a seguranza na liña ferroviaria Ourense-Santiago?”.

Rosana Pérez lembra que a maior polémica se debe á non operatividade nese tramo do freado automático ERTMS na zona do accidente. “A día de hoxe ninguén discute que de ter estado en funcionamento este sistema avanzado de freado o sinistro non se tería producido”.

Outra das cuestións que a deputada do BNG formula a Fomento ten relación cos traballos da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF). “Iniciou os traballos sobre o accidente do Alvia? Cando se van coñecer as conclusións? Que prazos se fixaron para rematar a investigación?.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG