Rosana Pérez pide a comparecencia de Ana Pastor polo naufraxio do "Mar Nosso"

DSC_0660A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, solicitou hoxe a comparecencia da Ministra de Fomento para que explique as causas dos tres graves naufraxios marítimos de barcos pesqueiros sucedidos en apenas un mes fronte ao litoral asturiano e na Ría de Vigo, o último deles o xoves pasado do “Mar Nosso”.

Rosana Pérez considera alarmante a continuidade dos tres naufraxios de pesqueiros con tripulacións galegas. Pide que Ana Pastor compareza na Cámara para informar tamén das actuacións de Sasemar e de Salvamento Marítimo en cada un dos tres sinistros, e informe de que medidas vai adoptar o Goberno para evitar que se sigan a producir traxedias no mar como as dos pesqueiros: “Santa Ana”, “Mar de Marín”, e “Mar Nosso”.

Ademais, rexistrou unha iniciativa parlamentar na Cámara centrada no naufraxio do “Mar Nosso”. Pregunta a Fomento polas causas do accidente deste pesqueiro con bandeira de Portugal e base en Marín, que o pasado xoves 17 de abril se afundiu a 20 millas de Navia, no litoral de Asturias.

Unha situación moi grave

A deputada do BNG quer que Fomento explique por que non saltou a radiobaliza do pesqueiro, quer saber se é certo que non se produciu chamada de socorro, e cal foron os motivos de que non saltaran as zafras hidrostáticas das balsas salvavidas. Noutra orde de cuestións, Rosana Pérez pregunta cando pasou o último control técnico este barco, e se vai reflotar o pesqueiro para poder analizar as causas do sinistro.

Máis medios para a Comisión de Investigación de Accidentes Marítimos

Rosana Pérez afirma que “estamos ante accidentes moi graves en pouco tempo que deben ser investigados en profundidade. Vai o Goberno a reforzar a Comisión de Investigación de Accidentes e Incidente Marítimos? Non cre que deberían mellorar e aumentar os medios deste organismo dependente do Ministerio de Fomento?

A deputada do BNG descrebe o acontecido o pasado xoves co naufraxio do “Mar Nosso” en medio dun mar calmo. “Existen varios interrogantes que se deberían esclarecer”. Lembra que foi atopado ás 13.08 pero a hora do accidente “é unha incógnita. Non saltou a radiobaliza, non houbo alertas de socorro e non saltaron as balsas salvavidas”. Sinala Rosana Pérez que “hia varias hipóteses sobre a mesa pero son só hipóteses á espera de coñecer a verdade deste novo sinistro. Algunhas informacións apuntan á carga de xarda e ao aparello.

Demanda unha investigación a fondo e pede a adopción de medidas para evitar que sigamos engadindo traxedias a unha lista negra que xa se cobrou a vida de 15 persoas e tres mariñeiros desaparecidos. A deputada do BNG pón de manifesto que no sector pesqueiro, entre as confrarías, as organizacións pesqueiras e os sindicatos do ámbito, instaurouse unha grande preocupación por tanta fatalidade en tan pouco tempo.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG