Rosana Pérez pide a comparecencia de Ana Mato por "cargar contra os dependentes"

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, vai rexistrar unha solicitude de comparecencia urxente da Ministra de Asuntos Sociais, Ana Mato, para que acuda ao Congreso a explicar por que razón se volve a cargar contra a lei de Dependencia.

Rosana Pérez alude ao denominado “Plan Nacional de Reformas” aprobado no pasado Consello de Ministros do 26 de abril que contén “outro duro golpe para as persoas en situación de dependencia e que supón a práctica anulación desta lei que é un dos piares que substentan o Estado de Benestar”.

A deputada do BNG afirma que “a reducción de 1.000 millóns de euros en Dependencia que contempla dito Plan vai deixar en maior desprotección ás persoas máis desamparadas e as que máis o precisan. O Goberno do PP carga contra os sectores sociais máis debís, contra as persoas que máis necesitan de axudas”.

A parlamentar nacionalista reprocha ao Goberno de Rajoy que tratase de “que este grave recorte pasase desapercibido, omitindo calquer referencia na explicación do Consello de Ministros pasado, igual que nada dixo das rebaixas que van practicar en políticas sanitarias”.

Precisamente por iso, “a Ministra responsábel debe comparecer na Cámara e dar a cara ante a evidencia de que o PP está a desmantelar totalmente a lei de Dependencia. O BNG denunciou desde hai tempo que o G oberno de Rajoy quer rematar co cuarto pilar do Estado do Benestar, suprimilo”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG