Rosana Pérez pediu ao Presidente da SEPI "contratos concretos para Navantia"

DSC_0658A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, dirixiuse esta tarde ao Presidente da SEPI, o Señor Aguirre, para trasladarlle unha batería de preguntas destinadas a aclarar o futuro de Navantia na Ría de Ferrol.

O representante da SEPI comparecía a solicitude da deputada do BNG, quen pediu a súa comparecencia en varias ocasións ao longo do ano 2013 e o presente ano 2014.

Rosana Pérez lembrou as palabras do propio Presidente da SEPI en 2013, admitindo que a situación da compañía era moi complicada. En novembro de 2013, “Navantia perdeu os contratos dos catro gaseiros para empresa Repsol-Gas Natural”.

A partir de decembro de 2013, momento no que se remate o único buque en construción, o “Adelaide”, “a falla de carga de traballo é un clamor e a situación de subactividade é alarmante”. Referiuse ao flotel de Pemex, para deixar claro que “chegou dous anos máis tarde e non é a solución ao problema da falla de carga de traballo”.

Salientou promesas incumpridas como cando “vostede dixo en decembro pasado que en marzo se estaría cortando chapa”. Reprochou manifestacións similares en boca do Ministro Montoro porque “non concretou a ocupación”.

Rosana Pérez interpelou ao Señor Aguirre sobre contratos concretos “e non futuríbeis”. E preguntoulle se están a negociar a eliminación do veto que pesa sobre Navantia Fene para construir buques civís. “Está disposto a traballar para que Navantia non siga presa do ámbito militar?”.

Outros dos puntos fundamentais que plantexou Rosana Pérez foi o relativo ao Plan Estratéxico para Navantia. “En setembro de 2013, o Señor Revuelta enviou unha carta á plantilla na que anunciaba un Plan Estratéxico e se falaba de graves problemas para Navantia, “situación que se agravou pola falla de carga de traballo”. A deputada do BNG trasladou a preocupación do BNG e dos traballadores do sector naval no feito de que o Plan supoña unha reestructuración. “Vánse perder postos de traballo? Cando van facer público o Plan, antes ou despois das elecións europeas?”.

Nese sentido, Rosana Pérez pediu que se garanta o mantemento dos postos de traballo de Navantia na Ría de Ferrol. “Pode a plantilla de Navantia estar tranquila?”.

RESPOSTA DO PRESIDENTE DA SEPI

O Señor Aguirre admitiu na súa resposta á deputada do BNG que se adiantou coa afirmación que fixera en decembro pasado de que en febreiro ou marzo se estaría a cortar chapa nas gradas de Navantia. E limitouse a sinalar que “máis vale tarde que nunca”, e que a súa previsión se retrasou.

En relación á actualidade, díxolle a Rosana Pérez que “se está a facer acopio de material, o cal é a antesala do inicio de traballo”.

En canto aos contratos seguiu o guión do Ministro Montoro cando fora interpelado polo BNG no Pleno do Congreso de hai un mes. Falou do quinto gaseiro, de contratos coa armada noruega e a turca, e a modernización de dous buques anfibios de Arxelia. Mais seguen a ser previsións que aínda non están explicitadas. De feito, na súa resposta á deputada do BNG, quen lle pediu concreción, o Presidente da SEPI dixo que: “vostede me pide concreción, a mellor medida é a sinatura de contratos”.

Respeito ao tema do veto, Aguirre asegurou a Rosana Pérez que “se solicitou o levantamento do veto, e a consulta formal do dique flotante”.

Finalmente, en canto ao Plan Estratéxico, o Presidente da SEPI, afirmou que “é un Plan que non está aprobado, e polo tanto, no se fala do que non existe”. En canto aos postos de traballo, non deu garantías nen asegurou o mantemento dos traballos.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG