Rosana Pérez participa en Barcelona nun acto con ERC e Amaiur sobre o dereito a decidir

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, participou hoxe en Barcelona nunha rolda de prensa co portavoz de ERC no Congreso, Alfred Bosch, e co deputado de Amaiur, Jon Iñárritu, para presentar unha proposición non de lei conxunta para que o Estado español respecte o dereito a decidir das nacións do Estado.

Unha proposición na que os grupos asinantes, entre os que está o BNG, demanda que se traspoña ao ordenamento xurídico español o dereito á libre determinación das nacións. Que se respecte o exercicio do dereito a decidir das nacións que conforman o Estado español: Euskal Herria, Paisos Cataláns e Galiza, así como todas as que o definan no seu Estatuto de Autonomía. Instan ao Goberno a respectar a convocatoria e o exercicio de referéndum de autodeterminación nacional, e que se “fixen legalmente as bases do proceso para unha transición cara a independencia nacional dos territorios que decidan libremente en referéndum constituirse como Estado independente”.

Galiza non pode quedar atrás

Na súa intervención, a deputada do BNG, Rosana Pérez, anunciou que o BNG está a favor de que en Galiza se abra un amplo debate sobre a importancia de que a nosa nación non fique fóra dos procesos soberanistas. A parlamentar nacionalista deixou claro que o “o nacionalismo galego, o BNG, desde as súas orixes, ten no seu ADN a defensa do dereito a decidir dos pobos que compoñen o Estado español. Un principio que reforzamos na última Asamblea do BNG porque consideramos trascendental que Galiza non fique fóra dos procesos soberanistas en marcha”, en alusión clara a Catalunya. Subliñou que “este debate tamén o debemos dar na Galiza, sendo conscientes de que Catalunya e Euskadi teñen un camiño andado".

Ademáis, resaltou, “no duro contexto de crise que estamos a vivir comprobamos como os cidadáns ven que a perda de soberanía a favor de instancias supranacionais que dictan as políticas a practicar, é un camiño contraproducente, un camiño que limita porque cede importantes parcelas de soberanía que hipotecan os nosos futuros sen ter en conta as necesidades de cada pobo”.

Rosana Pérez amosou o apoio do BNG ao proceso soberanista iniciado por Catalunya e afirmou que “a pesar da maioría absoluta do PP, é un proceso irreversíbel”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG