Rosana Pérez insta ao Goberno a aprobar unha partida para a construción do dique flotante

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, presentou na Cámara Baixa unha proposición non de lei que insta ao Goberno central a aprobar canto antes unha partida destinada á construción dun dique flotante para Navantia na Ría de Ferrol.

Rosana Pérez fai unha dura crítica ao PP por ter “enganado e manipulado co tema do dique flotante”. Lembra que o partido no Goberno prometeu en varias ocasións a construción desta infraestrutura, “e segue a pretextar reticencias por parte da UE que a día de hoxe non foron confirmadas. Está claro que o Goberno non se implicou debidamente neste tema, non tivo unha actitude activa nin comprometida e abandonou á primeira de cambio”.

A parlamentar nacionalista recalca que “tivemos que escoitar estes días como diversos alcaldes do PP de Ferrolterra prometían ao Comité de Empresa de Navantia que presentarían unha emenda aos Orzamentos do Estado 2014 para consignar fondos económicos destinados ao dique”.

“O debate e votación das emendas no Senado rematou o xoves pola tarde sen que teñamos noticia de ningunha transaccional do PP. Non presentaron nada aos Orzamentos estatais”, enfatiza. “O que si fixeron foi votar en contra das emendas do BNG aos Orzamentos que pedían 140 millóns para esta infraestrutura”.

Rosana Pérez afirma que “tristemente temos que concluir que o PP voltou a enganar aos traballadores de Navantia con falsas promesas. Unha actitude totalmente reprochábel porque xoga cos sentimentos de miles de persoas que se atopan nunha situación de desesperación pola falla de perspectivas futuras”.

Un Goberno incapaz

A parlamentar nacionalista tilda a actuación do Goberno central “de política fracasada” pola incapacidade de lograr carga de traballo para Navantia, e lembra o caso dos gaseiros e “os floteis de Pemex que seguen a ser un espellismo ao que nunca se chega”.

“Temos un Goberno ausente, inexistente e fantasmagórico, incapaz de negociar con empresas como Gas Natural ou Repsol para conseguir polo menos algún dos contratos dos gaseiros”, sinala a deputada do BNG.

Para a deputada do BNG o sector naval é básico para a economía galega, representa un 5,7% do PIB de Galiza, e proporciona miles de postos de traballo que se están a perder. Alerta sobre as catastróficas consecuencias que tería a desaparición dos estaleiros da Ría de Ferrol sobre a comarca de Ferrolterra.

Por iso, todo pode contribuir a mellorar a situación como pode ser a construción do dique flotante.

Na proposición non de lei, Rosana Pérez tamén empraza ao Goberno a negociar na UE a anticipación da data de vencimento das limitacións que pesan sobre os centros de Navantia en Ferrol. E demandar á SEPI que impulse o centro de reparacións de Navantia na Ría de Ferrol para aumentar a carga de traballo no eido da reparación e transformación de buques.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG