Rosana Pérez critica o informe da CIAF que" só buscar exculpar ao Adif, Renfe e Fomento"

DSC_0657A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, realizou unha avaliación moi crítica coas conclusións do informe da CIAF enviadas ao Xulgado onte.

Rosana Pérez tilda as conclusións da CIAF, adscrita ao Ministerio de Fomento, de “auténtica tomadura de pelo. E segue a folla de ruta que marcou xa en agosto pasado todos os altos cargos do Ministerio para culpar en solitario ao maquinista do tren Alvia sinistrado. É a mesma conclusión que Adif, Renfe e a Ministra de Fomento fixeron desde o día seguinte do accidente”.

A deputada do BNG refírese á principal conclusión da Comisión de Investigación de Accidentes Ferroviarios (CIAF) que no Informe presentado ao Xulgado de Instrución número 3 de Santiago o día de onte sinala como única causa “un exceso de velocidade do tren por non respectar o personal de conducción o prescrito no libro horario nin no cadro de velocidades”.

“Para esta viaxe non facían falla alforxas”, sinala con ironía a deputada do BNG. Para a parlamentar nacionalista o informe de 266 páxinas é “un auténtico alegato exculpatorio que redunda unha e outra vez no doble erro humano, que mistura con algunhas recomendacións no plano da seguranza ferroviaria que denotan a doble moral de quen fixo tal documento: por unha parte só se culpa ao maquinista do accidente, e por outra se apunta ás debilidades do dispositivo de seguranza ao recomendar a sinalización das reducións bruscas de velocidade en determinadas curvas e instalar balizas, así como outras medidas”.

A CIAF debe ser independente

Rosana Pérez amosa o total desacordo do BNG “cun informe de conclusións que procede ademáis dun órgao adscrito ao Ministerio de Fomento, cuxa composición non é independente, a maior parte dos seus membros proceden de Renfe ou do Adif e están vinculados a determinados intereses”. A deputada do BNG enfatiza que o BNG leva case un ano demandando unha modificación do proceso de nomeamento dos membros do CIAF, para que sexa un organismo máis independente, que non estean nomeados polo Ministerio e “desvinculados do Goberno”.

É preciso lembrar que o BNG levou a debate ao Congreso no mes pasado de setembro unha proposición que pedía maior transparencia e independencia da CIAF, algo que o PP rexeitou de plano. “Á vista do informe da CIAF está claro porque o PP se opuxo a tocar a CIAF, debía preparar o documento exculpatorio de calquer responsabilidade política no tráxico accidente do Alvia”.

Rosana Pérez considera que “hoxe contamos con outro argumento máis para continuar demandando a Comisión de Investigación parlamentar para esclarecer as causas e coñecer a verdade do sinistro, e sobre todo, porque se lle debe ás familias e víctimas do accidente”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG