Rodas: “Rosa Quintana volve enganar ao sector do cerco"

Daniel Rodas

O deputado do BNG empraza á conselleira do Mar a desmentir os datos que confirman “un novo agravio” para a flota galega co aumento da cota da xarda

Daniel Rodas ante os medios de comunicación

O deputado do BNG, Daniel Rodas compareceu hoxe ante os medios de comunicación onde anunciou o rexistro dunha iniciativa parlamentaria destinada a modificar os criterios do futuro reparto das cotas pesqueiras ao fin de beneficiar a flota galega, “gravemente prexudicada polo último reparto”

Rodas acusou á Conselleira do Mar de “enganar, outra vez ao sector do cerco” co novo reparto das cotas derivado do acordo entre a Unión europea e o Estado español, “si non é certo o que digo, emprazo a Rosa Quintana a que o desminta publicamente”.

Rodas repasou os datos relativos ao acordo que redundará en 1.450 Toneladas máis para o sector galego sen embargo, salientou que o acordo fixa un TAC de 1.240.000 toneladas de captura para 2014 e para os catro anos seguintes será o que recomende o ICES.

O novo reparto segue prexudicando á flota galega

Para o nacionalista, o novo reparto “segue igual” nas diferentes artes. Agora, explicou, a flota galega pasa a ter 1.400 toneladas máis pero o Pais vasco incrementa o seu tope en 3.300, “o reparto segue aumentando as diferenzas”.

Rodas acusou a Rosa Quintana e a Arias Cañete de “vender un acordo de grande éxito” cando en realidade seguen utilizando a Galiza como “moeda de cambio”.

Daniel Rodas

O parlamentario manifestou o seu “apoio incondicional” ás reivindicacións da flota e reclamou unha reunión urxente do Consello Galego do Cerco, “non só 19 representantes das 153 embarcacións”.

Deben reunirse todos coa titular da consellería do Mar e non só os que Rosa Quintana quere escoitar. Ademais, advertiu que o reparto individual “conduce á privatización dun dereito que é de todos”.

A partir de agora, dixo, deben primar novos criterios para que as capturas históricas non representen o 70%, e o número de tripulantes permitiría unha distribución máis “equitativa”.

Rodas anunciou que a iniciativa do BNG inclúe a reclamación dun novo Plan de recuperación da sardiña que contemple paradas biolóxicas.

Finalmente , lembrou o acontecido esta semana no exterior do Parlamento galego e reprobou “a brutal carga policial” contra os armadores e mariñeiros que reclamaban na rúa un novo reparto de cotas de xarda e xurelo.

 

 

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG