En resposta ao BNG, o Presidente de Adif non nega a rebaixa das características do AVE a Galiza

O Presidente de ADIF asegurou esta tarde á deputada do BNG, Rosana Pérez, que se vai cumprir o prazo de 2018 de remate do AVE a Galiza, e que as características “serán as que sexan necesarias para a demanda. Cumpriremos e os galegos se comunicarán coa Meseta con tempos reducidos. Despois teremos que cinguirnos ás posibilidades orzamentarias”.

A do Presidente do Adif era a terceira das comparecencias de altos cargos de Fomento solicitadas polo BNG para aclarar as partidas destinadas nos Orzamentos 2014 a Galiza. Rosana Pérez voltou a criticar o desequilibrio no investimento de Fomento para o territorio galego. “Case todo para o tramo de AVE Lubián-Ourense, e non se cubren os défices que Galiza ten en materia de infraestructuras”.

Adif deixa aberta a porta á modificación das características do AVE

A deputada do BNG aludiu á aseveración do Señor Ferré sobre a data de 2018 como a de finalización do AVE a Galiza. “Fala de 2018 cando hai tramos nos que só se está a traballar nunha vía e non nas dúas. Por iso sería importante que nos concretara se se van manter as características de AVE, tal e como estaba programado?”.

O Presidente de Adif deu unha resposta ambigüa, deixando a porta aberta á modificación das características do AVE a Galiza. Respostou á deputada do BNG que “as características serán as que sexan necesarias para a demanda. Chegará no 2018, e os galegos se comunicarán coa Meseta con tempos reducidos. Despois teremos que cinguirnos ás posibilidades orzamentarias”.

A deputada do BNG foi moi irónica coa aseveración do responsábel de Adif de que o Eixo Atlántico Ferrol-Vigo estará rematado a finais de 2014. “De que xeito van facer que o Eixo Ferrol-Vigo estea finalizado ao remate de 2014, se para o tramo Ferrol-A Coruña destinaron 15.000 euros”.

Nesta cuestión, o Señor Ferré dixo que no 2014 se van investir 195 millóns no Eixo Atlántico, deixando claro que o de Ferrol-Vigo é unha denominación conceptual.

Polémica coa seguranza ferroviaria

En canto á seguranza ferroviaria, a deputada do BNG mencionou as afirmacións da mañá do Secretario de Estado quen dixo que “no accidente do 24 de xullo en Angrois, estaban instalados todos os sistemas de seguranza que a lexislación exixe”. “Co que sabemos após o accidente, e coas medidas adoptadas por Adif ao día seguinte do sinistro, con máis sinais, vostede cre que se adoptaron todas as medidas de seguranza? Se é así, por que se aumentan as partidas destinadas a seguranza? En concreto, no tramo afectado, o da curva de Angrois, que medidas se van adoptar? Cal vai ser o orzamento?”.

Esta referencia de Rosana Pérez provocou o malestar do Presidente de Adif que respostou moi airado sinalando que “non hai novidade na seguranza en relación ao que lle dixen en agosto sobre o accidente de Angrois”, e engadiu que “a xente fala sen saber o que dí, e sen saber o que van dicer peritos e técnicos. Cando saibamos o que din é cando falaremos. E se conclúen que hai que aumentar as medidas, farémolo”.

FEVE e estacións pechadas

Rosana Pérez demandou máis servizos e a mellora da liña Ferrol-Ortigueira. Aludiu ao plan de venda de estacións xa en desuso. “En Galiza aumentan as estacións pechadas porque cada vez hai menos servizos ferroviarios. Teñen algunha intención de negociar cos concellos para que estes inmóbeis se cedan gratuitamente?”.

O Presidente de Adif sinalou que “nós non pechamos ningunha estación, están pechadas de antes” e deixou claro que non van facer cesións gratuitas.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG