O Rei sacraliza a Constitución e a unidade de España e asume as posicións máis inmobilistas

O BNG considera que o discurso do Rei asume as posicións políticas máis reaccionarias nos temas clave do actual debate político e social, como son a futura configuración do Estado español, o debate sobre o marco constitucional e as medidas lexislativas e de goberno adoptadas para saír da crise económica que manteñen no desemprego e no sufrimento a millóns de persoas no Estado español.

En relación a este punto, o portavoz nacional do Bloque, Xavier Vence, lamenta que a intervención do Rei se limitase a unha “mera enumeración coase ritual de todos aqueles colectivos sociais que están a ser máis maltratados pola crise, pero sen que en ningún momento se instase ao Goberno do Estado a mudar as políticas que están a acentuar e mesmo a provocar ese sufrimento, para colocar no centro da súa actuación de Goberno a esa maioría social”.

Antes ao contrario, sinala o dirixente nacionalista, o monarca insistiu “nos esforzos” necesarios para confirmar “os indicios de recuperación”, “dando por feito que é preciso seguir asumindo os recortes no económico e no social que castigan ás familias e impiden unha recuperación que cree emprego”.

No aspecto da configuración territorial do Estado español, o BNG critica a falta de miras do Rei para avaliar o actual momento político e social, empeñado en “sacralizar e aferrarse ao corsé da Constitución, da unidade da Patria española e da Coroa”, alegou Vence, quen considera “totalmente errado e desenfocado” ignorar os lexítimos desexos de soberanía dunha parte da sociedade, “á que só deixa invocacións retóricas ao diálogo”.

“Cualificar de verdade incuestionable un marco constitucional que está a ser fortemente cuestionado por organizacións políticas e sociais é pretender estar a marxe da realidade que contesta tanto o actual modelo de organización territorial como a propia institución da Coroa” salientou Vence.

Neste sentido, o dirixente nacionalista considera “inaudito” que O Rei se limitase a gabarse a si mesmo, a anunciar a súa continuidade pero “non fixera nin unha soa autocrítica pese aos presuntos casos de corrupción que salpican á monarquía, e se limitase a falar de exemplaridade intentando socializar a responsabilidade do actual clima de corrupción que afecta tanto á coroa como aos grandes partidos”.

O BNG tamén lamenta que o monarca asumise as posicións “máis inmobilistas” nun tema tan sensible como o do terrorismo, cunha declaración máis propia de tempos pasados que dunha situación caracterizada pola fin da violencia e perdendo a oportunidade de facer un chamamento á reconciliación.

En definitiva, un discurso ritual e involucionista no político e no social que non está a altura das necesidades da maioría social.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG