O BNG presentará e defenderá a súa propia proposta baixo a premisa de que o Parlamento, como institución máxima de representación directa dos galegos e galegas, lonxe de sufrir recortes ten que ser reforzado.
Así o explicou o portavoz nacional, Xavier Vence, quen foi claro ao denunciar que tras a falacia do aforro, a pretensión do PP é reducir o autogoberno de Galiza ata convertela nun autonomía de segunda, e cambiar unilateralmente as regras de xogo democrático para manter unha maioría absoluta que sabe perdida na rúa.
Vence avanza fórmulas para recortar gasto superfluo, en lugar de recortar a calidade da democracia. Citou como exemplo a supresión dos 46 asesores nomeados a dedo por Feijóo, que teñen como única función crear propaganda e cuxa desaparición multiplicaría por seis o aforro de recortar escanos, ou reducir o custe que supón a Mesa do Parlamento empezando polo salario da presidenta da Cámara.
Pero se o PP quere mudar a estrutura institucional, o BNG pídelle que empece por suprimir as deputacións.
Resulta incrible que neste país existan 106 deputad@s provinciais en catro institucións que non son elixidas democraticamente, que non representan directamente a ninguén, que ninguén coñecen e que en cambio para o PP son sagradas, denunciou Vence.
A proposta do BNG en ningún caso contemplará unha redución do Parlamento, porque non admite que se reduza a Cámara de representación da cidadanía galega, -que deber poder exercer o control ao Goberno e un labor lexislativo de calidade-, nin admite que se reduza o autogoberno de Galiza, como pretende Feijóo seguindo as directrices marcadas polo PP de Madrid.