Recursos mineiros ao servizo de Galiza, non da rapiña das multinacionais

Galiza precisa un cambio radical do Plan sectorial de actividades extractivas de Galicia deseñado polo Goberno de Feijóo porque “implica pór a disposición das multinacionais” todos os recursos minerais a través de megaproxectos contaminantes con consecuencias nefastas en termos medioambientais e socioeconómicos.

Neste sentido, o portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, demanda que ese plan sexa retirado para elaborar un estratexia baseada na premisa esencial de que os recursos minerais de Galiza deben aproveitarse en beneficio do país.

“O BNG propón un plan estratéxico de desenvolvemento dos recursos minerais para aproveitar o que é noso en beneficio do país, en lugar de entregalo de xeito regalado ás grandes empresas multinacionais. Unha estratexia, -salientou-, baseada en criterios medioambientais e sociais alternativa á megamineria contaminante, a ceo aberto, con cianuro, coma á que propón a Xunta”, explicou Vence no decurso das xornada Impactos e alternativas á minería en Galiza, celebrada esta mañá en Santiago.

“Se temos un recurso valioso no noso territorio, como por exemplo o ouro, o normal é que sexa o sector público galego quen poña en valor ese recurso en beneficio da nosa economía para que se traduza en crecemento e xeración de emprego”, argumentou o portavoz nacional.

Vence citou o megaproxecto mineiro de Corcoesto como exemplo do que non se debe facer, e pide á Xunta que escoite o clamor social e pare definitivamente ese despropósito “medioambiental e socioeconómico”. “O proxecto de Corcoesto deixaría unha bomba de reloxería na zona coas balsas de lodos e de cianuro, desde a seguridade de que cando esa actividade mineira rematase non habería a empresa non se ía facer cargo das consecuencias do entorno, que afectarían directamente á actividade da agricultura e marisqueo da zona”, indicou.

O Plan mineiro da Xunta, denunciou o portavoz nacional, “regala os recursos mineiros de Galiza ás grandes multinacionais do sector, en particular ás canadianas como no caso de Corcoesto e, a maiores, con subvencións para os estudos previos, recursos que son de todos os galegos e galegas”.

Para o BNG é imprescindible parar todos os megaproxectos mineiros previstos coa complicidade do Goberno de Feijóo, que debe retirar o Plan sectorial de actividades extractivas porque “converte Galiza nunha gran mina a ceo aberto” indefensa ante a rapiña das multinacionais do sector. Vence considera imprescindible recuperar o espírito da Lei de minería de Galiza de 2008 e, desde ese punto de partida, elaborar unha estratexia para que os recursos mineiros se aproveiten en beneficio do país.

Expertos, académicos, ecoloxistas e colectivos sociais implicados na loita contra a megaminería participaron nas xornadas organizada polo BNG, baixo a coordinación da responsable da Área de Medio ambiente da Executiva nacional, Mar Vila.

 

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG