Queremos vida. Queremos futuro. Altri non!

Por que lle interesa a Altri instalarse en Galiza? Como chegou aquí? En que consiste realmente o seu proxecto?... Todo o que che gustaría saber sobre altri resumindo en 7 puntos. #AltriNon

1. Por que lle interesa a Altri instalarse en Galiza? 

A partir de 2017, cando se decreta a moratoria ao eucalipto en Portugal até 2030, despois dos terribeis incendios do Pedrogao Grande (64 persoas mortas), a empresa portuguesa ALTRI busca novas saídas e deseña unha estratexia de expansión que ten, como un dos seus eixos principais, o abastecemento de madeira de eucalipto, priorizando Galiza como fonte deste recurso.

En 2020 a Xunta do PP anuncia un proxecto tractor consistente na produción de fibras de celulosa para uso na industria téxtil e en 2021 dá a coñecer unha alianza con ALTRI para desenvolver unha factoría de produción de 200.000 toneladas de fibras téxtiles e xeraría miles de postos de traballo. 

2. Como foi o proceso de chegada de Altri? 

En febreiro de 2022, nun contexto en que toda a comarca da Mariña de Lugo desenvolve unha enorme mobilización social e institucional en favor do proxecto, como solución ao devalo indsutrial da zona polos problemas con Alcoa, apróbase no Parlamento Galego por unanimidade unha proposición non de lei presentada polo PP e transaccionada co PSOE a favor da instalación da fábrica de fibras téxtiles na Mariña ou no seu caso na provincia de Lugo.

No mes de abril dese ano anúnciase a escolla da ubicación do proxecto industrial en Palas de Rei, supostamente despois de estudar 40 posíbeis emprazamentos e descartar entre outros o da Mariña e As Pontes.

E en decembro a Xunta aproba a declaración de Proxecto Industrial Estratéxico, que conleva a redución de trámites e de prazos, ocultando información sobre as dimensións e as características reais do proxecto. 

3. En que consiste realmente o proxecto de Altri? 

A finais de 2023 - coa solicitude de captación de auga no río Ulla- salta á luz o engano e a fraude: o que se vendeu como proxecto circular de produción de 200.000 toneladas de fibras téxtiles (lyocell*) era realmente unha megaplanta de
produción de pasta de celulosa. 

A Xunta coñecía desde o primeiro momento o proxecto e estivo ocultando deliberadamente.

A intención principal de ALTRI e o PP non era promover unha planta de produción circular de fibras téxtiles para abastecer a industria téxtil de proximidade, senón un negocio de produción de pasta de celulosa solúbel destinada á exportación: unha megafactoria contaminante pensada para producir 400.000 toneladas ao ano.  

4. Que tipo de industria é Altri para Galiza?

O proxecto de Altri é un exemplo perfecto do modelo de espolio colonial dos recursos naturais do noso país, na repetición do modelo de implantación da celulosa de ENCE na ría de Pontevedra: dispoñibilidade de solo barato, dispoñibilidade de eucalipto a grande escala e a prezos baixos, primeira transformación con escaso valor engadido e destino principal á exportación sen peche de ciclos. 

Todo aduviado convenientemente polo trato de favor e as portas xiratorias XUNTA-Greenalia. 

5. Os postos de traballo.

Máis alá de que é discutíbel que se financie con fondos públicos un proxecto destas características, sen que isto ademais estea vencellado á participación pública na iniciativa, a cuestión dos postos de traballo adoece do mínimo rigor: o baile de cifras oscilou en meses de 2500 postos de traballo a dez veces menos. 

Na valoración dos postos de traballo hai que ter en conta non só os que se crean, senón tamén os que se destrúen. 

A megafactoría tería enormes efectos negativos sobre a actividade económica e o emprego nas zonas afectadas, en sectores moi diversos: forestal, turístico, agrogandeiro, marisqueiro na Ría da Arousa... 

Os fondos públicos que se pretender destinar a este proxecto (uns 200 millóns) xerarían moito máis emprego e maior retorno se se destinasen a un plan de fomento e diversificación da actividade económica na Ulloa e na Arousa.

6. Os impactos do proxecto.

O megacomplexo industrial vai ter un impacto negativo nas actividades económicas e no emprego na contorna, o que non compensa en absoluto os supostos beneficios da nova actividade industrial. 

Entre os ámbitos que se poden ver prexudicados cabe sinalar: iniciativas de desenvolvemento do sector primario (agricultura, gandería e outras), empresas transformadoras da denominación de orixe Arzúa Ulloa, PEMES de transformación agroindustrial ou as actividades turísticas relacionadas co Camiño Xacobeo.

Trátase dun complexo industrial de enorme dimensión, que se pretende instalar nunha zona na que predomina o uso agrario e as actividades do sector servizos, nuns terreos que non teñen características nin cualificación como solo industrial.

A xigantesca necesidade de consumo de auga da megafactoria pon en risco a dispoñibilidade da auga do río Ulla e do encoro de Portodemouros para o abastecemento humano e para outras necesidades dos sectores económicos da contorna.

A megafábrica de ALTRI xeraría unha demanda de 1.2 millóns de toneladas de eucalipto/ano na primeira fase, e de máis de 2 millóns cando estivese a pleno rendemento.

Entre os impactos ambientais directos podemos sinalar: a contaminación das augas e do ar, o impacto no ámbito paisaxístico, no patrimonio natural e a biodiversidade (hábitats e especies protexidas de grande valor), a afección á zona de amortecemento do BIC Camiño Xacobeo... 

A zona na que se pretende instalar o megacompleto foi obxecto do inicio do procedemento para a súa inclusión na Rede Natura e a planta industrial linda polo oeste co espazo da Rede Natura 2000 Serra do Careón.

7. Que defende o BNG?

Por toda a axplicación anterior, desde o BNG manifestamos o noso rexeitamento rotundo ao megaproxecto de Altri en Palas. 

Estamos en contra das mentiras e do espolio do proxecto de Altri. 

E estamos a favor: 

  • Dun novo modelo que aposte pola multifuncionalidade do monte, o desenvolvemento autocentrado das cadeas de valor da industria forestal e da madeira e a xeración de emprego neste sector estratéxico da economía galega.
  • Da dinamización socioeconómica da Ulloa, a Terra de Melide e o Alto Ulloa.
  • Da elaboración dun Plan para a mellora integral da calidade da auga e da biodiversidade da bacía do río Ulla e para rexeneración e a reactivación produtiva da ría da Arousa.
  • Da defensa dun medio e dun rural vivos, produtivos e con futuro.
     
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG