Proposta do BNG: reducir as peaxes un 32% para volver ás tarifas anteriores ao inicio da crise

VENCE RP VALORACIÓN REFORMA FISCAL PPO BNG continuará coa campaña de protestas contra as tarifas abusivas das tarifas das autoestradas, -iniciada esta fin de semana co acto simbólico de pagar en céntimos de euro nas peaxes de tramos de AP-9 en Coruña, Ferrol e Pontevedra-, para denunciar a “sangría” á que as concesionarias someten aos usuarios.

Pero non se limita á denuncia, quere reverter o proceso e propón unha redución das peaxes do 32% ata situalas nas tarifas de 2007, ano anterior ao inicio da crise económica e, por tanto, da escalada de destrución de emprego e de baixada salarial.

“Pedimos unha redución das peaxes para devolvelas as tarifas que pagaban os usuarios e usuarias antes da crise, e que a conta de resultados da concesionaria se comporte acorde ás contas de resultados das demais empresas do país e dos ingresos das familias”, explica o portavoz nacional, Xavier Vence, quen avanzou que o BNG presentará iniciativas no Parlamento para pedir a Feijóo que renegocie as tarifas coa concesionaria propietaria de Audasa.

Para exemplificar este incremento, o tramo total da AP-9 Ferrol-Tui custaba en 2007 15,35€ por traxecto. Hoxe, 20 €, un 32,57% máis caro.

“Este modelo de xestión é unha estafa social a través de concesionarias que explotan a clientes reféns que carecen de alternativa a estas vías, salvo a base de duplicar o tempo da viaxe por traxectos con maior inseguridade”, denuncia Vence.

Este “espolio” ten aportado Audasa, -propiedade de Itínere a súa vez en mans dun fondo especulativo americano-, beneficios de 1.270,77 millóns de euros entre 2001 e 2012, cun incremento do 61%, pese a que o número de usuarios apenas aumentou en 1.800 vehículo diarios entre ambas datas.

“Un traballad@r que teña que desprazarse de Santiago a Vigo todos os días e perciba un salario de 1.500€ significa que deixa 1/3 do seu salario na peaxe das autoestradas, aparte dos gastos de gasolina e vehículo. Non estamos ante un servizo público que estruture o país, como debería ser a AP-9”, argumenta Vence.

Peaxes na sombra

A explotación das vías rápidas a través da concesión non é a única fórmula para que empresas privadas se lucren coas infraestruturas públicas. Vence tamén denunciou un segundo modelo: o das peaxes na sombra a través de contratos coa Xunta polos que as empresas perciben unha cantidade por vehículo que, neste caso, non paga o usuario senón o contribuínte.

É o modelo das autovías do Salnés, Barbanza, Ourense-Celanova e Santiago-Brión.

“Ademais da remuneración abusiva, o problema é que se opera co criterio de que as contas das empresas concesionarias son sagradas. Se teñen tráfico, pagamos máis porque vai en función do número de coches, e se teñen menos tráfico, os contribuíntes igualmente pagamos máis porque nese case se sube a tarifa por vehículo. A concesionaria sempre gana, haxa ou non tráfico”, explicou Vence.

Para este modelo, o BNG propón revisar as condicións dos contratos adquiridos con estas concesionarias das autovías.

Dobre vara de medir

Por último, Vence denunciou o proxectado rescata do Goberno central das nove autoestradas radiais de Madrid. “Para o BNG é un escándalo que o Ministerio de Fomento poña encima da mesa 4.200 millóns de euros para rescatar ao lobbie das construtoras e da banca con cartos de todos os contribuíntes, incluídos os galegos e galegas”, nun trato especial que revela “unha dobre vara de medir”.

“Por que non se rescata a AP-9 da concesión feita por Aznar ata 2048 e que sexa un servizo público gratuíto, posto que é unha vía que estrutura Galiza de norte a sur?”, se preguntaba Vence, quen ve detrás desta operación “os negocios e os intereses do PP con empresas como Sacyr-Vallehermoso, ACS, Aventis, Globalía e entidades financeiras como Bankia ou o Santander, que darán un pelotazo con ese rescate”.

Ademais no Parlamento e nos concellos, o BNG vai presentar iniciativas no Congreso para paralizar a operación de espolio a favor do lobbie empresarial madrileño.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG