Proposición do BNG no Congreso para un réxime eleitoral máis democrático e participativo

O BNG presentou unha proposición de lei no Congreso que require unha reforma da Constitución para mellorar o réxime eleitoral, facelo máis democrático e plural.

A reforma do réxime electoral que propón o BNG no Congreso, asinada tamén por outro dos grupos da Cámara tal e como estabelece o regulamento, está enmarcada na liña da presentada no Parlamento galego co obxectivo de aumentar a democracia representativa e do sistema de partidos, e asemade, promover a diversidade e a pluralidade política en consonancia coas reivindicacións sociais que van na dirección de aumentar a mellora da participación política.

No contexto actual, co telón de fondo dun grande descrédito da política “auspiciado sobre todo pola actuación do bipartidismo”, considera o BNG que “para mellorar a calidade democrática do sistema político é fundamental dotalo de maior proporcionalidade entre o voto expresado polo corpo eleitoral e a representación obtida”.

As propostas do BNG: circunscripción eleitoral por CC.AA e maior proporcionalidade entre votos e representación

Nese sentido, o BNG propón modificar a referencia da circunscripción eleitoral da provincia e que sexa circunscripción por Comunidade Autónoma. Outro dos eixes da iniciativa dos nacionalistas galegos é a necesidade de eliminar os umbrais mínimos para acceder ao reparto de escanos, de xeito que se faga entre todas as candidaturas que obtiveran sufraxios dacordo cun sistema que garanta unha proporcionalidade directa.

O Senado é outra das pedras de toque do BNG a fin de convertelo nunha auténtica Cámara de representación territorial. A proposta é a seguinte: “modificar o sistema mixto de elección mediante sufraxio directo e designación autonómica, para contemplar como único mecanismo de elección de senadores a designación por parte das Asambleas Lexislativas das CC.AA, atendendo á proporcionalidade territorial e á pluralidade política”.

Para os nacionalistas galegos, “é fundamental estender a participación política, que non ós debe ficar circunscrita á elección periódica de representantes. Por iso, é preciso eliminar restriccións e trabas ás iniciativas cidadanas á hora de promover debates nas Cámaras, ademáis de ampliar os supostos para a convocatoria de referendos consultivos, recoñecendo o dereito das CC.AA e entes locais a convocalos en asuntos da súa competencia”.

De igual xeito, a proposición de lei presentada no Parlamento galego para reformar a Lei de Eleccións ao Parlamento de Galiza, pide que se anule o requisito de que exista unha porcentaxe mínima para accedera o reparto de escanos. A iniciativa do BNG vai destinada a que “a porcentaxe de voto acadada por cada forza política nas urnas teña a súa correspondencia coa porcentaxe de escanos no Parlamento” e que o reparto de escanos entre as distintas provincias sexa proporcional a súa poboación, que ese reparto sexa tamén proporcional ao acadado nas urnas e que non se esixa unha porcentaxe mínima para que haxa plena correspondencia entre o que votan os cidadáns e a representación parlamentaria”.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG