Parlamento Galego

O PP vota en contra por terceira vez no Parlamento da petición das transferencias a Galiza dos servizos meteorolóxicos

Luís Bará
Luís Bará

Bará acusa o PP de boicotear durante 20 anos o traspaso de competencias e aparentar agora que o reclama só para confrontar co Goberno central

O BNG defendeu por terceira vez no Parlamento a urxencia de transferir a Galiza os servizos meteorolóxicos, no actual contexto de cambio climático e da emerxencia ambiental. O PP volveu votar en contra, por terceira vez, da súa admisión a trámite, como xa fixera en 2014 e en 2021, e inmediatamente despois de que os populares defendesen este mércores no Pleno unha iniciativa na que pedían as mesmas transferencias, sumándolle as competencias en materia de estudos oceanográficos.

O portavoz de Medio Ambiente, Luís Bará, acusou o PP de “oportunismo” e de  utilización das transferencias e o autogoberno co único propósito de “confrontar  co Executivo central” ao intentar aparentar que defenden a transferencia dos servizos meteorolóxicos “cando levan 20 anos boicoteándoa”.

“Vostedes gobernaron no Estado durante seis anos continuados con Mariano Rajoy e non conseguiron nin unha soa transferencia; polo tanto, non veñan aquí dar ningunha lección”, dixo en referencia á iniciativa presentada polo PP, que “non ten ningunha validez nin percorrido” e unicamente é unha “declaración de intencións” porque a única vía para conseguir esa transferencia é a través dunha proposición de lei orgánica, tal e como recolle o artigo 150.2 da Constitución e tal e como propuxo o Bloque.

“O que lle pedimos ao Partido Popular é que rectifique o voto que manifestou noutras ocasións, que apoie este acordo e propicie a súa admisión a trámite”, apuntou Bará que, dirixíndose ás bancadas populares agregou: “Teñen vostedes a palabra, se queren votar a favor de Galiza ou votar unha vez máis o que lle diga o Partido Popular de Madrid e o señor Feijóo”.

Malia todo, o PP votou en contra dunha iniciativa que para o BNG é “moi necesaria”, primeiro pola garantía legal dos avisos de Meteogalicia, que non teñen validez a efectos legais. En segundo lugar, é fundamental para mellorar a función preditiva, o que non impide, segundo o deputado, que  a información se comparta tamén coa Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet).

En terceiro lugar, é fundamental para a actividade económica, para as emerxencias, a protección da vida humana e da saúde, e para ter mellor información dirixida aos sectores produtivos do País (agricultura e pesca) pero tamén o turismo, que se ve prexudicado pola información meteorolóxica centralizada.    

A este respecto, lembrou que no ámbito galego existe desde hai 24 anos o servizo de  Meteogalicia, pero os seus avisos “non teñen validez a efectos legais”, engadindo que non pode facer labor de prospeccións, entre outras cuestións porque ten un problema por falta de entidade xurídica para concorrer a fondos de investimentos ou axudas de fondos europeos para poder facer mellor ese traballo, cuestión que “o PP debería solucionar”, manifestou.

O deputado nacionalista aproveitou a súa réplica na iniciativa dos populares para poñer en valor o traballo dos “magníficos profesionais” de Meteogalicia  e para pedirlle ao PP que “acabe coa precariedade na que se encontra e aposten por competencias plenas en materia de servizos meteorolóxico porque “temos que contar con garantías legais de que os avisos de Meteogalicia son válidos e neste momento non o son porque, a diferencia de Euskadi e Cataluña, non temos a transferencia cedida”, recalcou.

Utilización frívola e banal do concepto de “refuxio climático”

Luís Bará quixo chamar a atención sobre a campaña que está armando a Xunta do PP na que se pretende vender Galiza como refuxio climático. “Parécenos que é un erro, porque os refuxios climáticos son conceptos que se refiren a zonas das cidades que funcionan como protección ante estes eventos extremos, sobre todo as ondas de calor, pero non se pode utilizar como reclamo para un País que tamén se ve sometido, por exemplo, en todo o val do Miño e do Sil, a eses mesmos episodios de ondas de calor, que son ameazas para a saúde e que provocan moitas mortes. “Parécenos unha banalización absoluta do termo. Como se pode utilizar de maneira tan frívola”?, rematou.

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG