A deputada do BNG, Iría Carreira defendeu unha Proposición non de lei instando á Xunta a incrementar a súa contribución económica ao Consorcio da Cidade de Santiago, comezando por recuperar a dotación asignada en 2010 e duplicándoa nos anos vindeiros, tendo en conta os recentes compromisos anunciados polos gobernos galego e español na reunión do Real Padroado de 25 de xullo de 2021. A iniciativa do BNG, foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular.
Na defensa da proposta, Carreira lembrou que Santiago de Compostela foi declarada Patrimonio da Humanidade en 1985 e no ano 1991 naceu o Real Padroado da Cidade de Santiago de Compostela, co obxectivo principal de coordinar e promover as accións do goberno central, a Xunta de Galiza e o concello de Santiago, orientadas á preservación e revitalización da cidade compostelá e do seu patrimonio cultural, accións que desenvolve a través do Consorcio de Santiago.
Nos investimentos previstos do Consorcio da Cidade de Santiago de Compostela destínanse liñas de actuación para a Cidade histórica, tanto para rehabilitación e conservación do tecido residencial, como para a revitalización do tecido comercial, actuacións sobre elementos patrimoniais e monumentos, conservación de bens mobles, mantemento de pavimentos históricos e lousados, a integración perimetral da améndoa da Cidade histórica, acondicionamento de parques e xardíns, actuacións nos Camiños de Santiago, infraestruturas e loxística urbana.
A nacionalista subliñou que “a cidade histórica ten que ser habitable no século XXI e non unha volta ao pasado con vivendas e infraestruturas anticuadas propias doutra época”, de aí a necesidade de destinar recursos económicos para unha política de compra de locais dirixidos a crear un viveiro de empresas e autónomos/as, que comece pola rehabilitación dos locais pechados, cun plan de asesoramento a persoas que inicien o seu primeiro emprego coa tramitación de licenzas, diversificar o modelo de comercio tomando como criterios o fomento do empresariado feminino e xuvenil, empresas de economía social e novos nichos de mercado. A xuízo da deputada do BNG, estas medidas contribuirían “a recuperar locais baleiros e fomentar o emprego, ademais de recuperar poboación residente e servizos.
Por outra parte, o Consorcio pode ser o instrumento para a negociación da compra de inmóbeis con uso cultural que gozan de protección patrimonial, coma a Sala Iago e o impulso da rehabilitación como nos casos do Pazo de Ramirás (antigo Colexio dos Irlandeses), o edificio de Almacéns Olmedo na praza do Toural e o Pazo de Fondevila nas Casas Reais.
Redución de partidas orzamentarias
Nos últimos anos, explicou, o Consorcio da Cidade de Santiago experimentou unha redución dos recursos asignados polos gobernos da Xunta e do Estado. En concreto, en 2010 sufriu un recorte até os 4,5 millóns de euros, que o goberno do Partido Popular mantén conxelado. Con anterioridade, o Consorcio contaba con 6,5 millóns anuais por parte de la Xunta e 12 M€ do Goberno do Estado.
O Consorcio confiaba recibir dos fondos europeos 80 M€ dos 281,5 millóns previstos para Santiago até 2032, pero esa achega extraordinaria “tan ben publicitada” non se concreta nos Orzamentos da Xunta nin nos do Estado para 2022.
Mentres a Xunta de Galiza e o Goberno do Estado “miran cara a outro lado”, afirmou Carreira, Compostela continua agardando por unha estratexia que converta o casco antigo nunha entidade viva e activa, “con corpo propio e non como acumulo de edificios baleiros e ruinosos”.
Desde o BNG, remarcou, reclamamos incrementar a achega orzamentaria que a Xunta realiza ao Consorcio de Santiago, comezando por recuperar, de inmediato, os 6,5 millóns do ano 2010 e incrementándoos nos anos posteriores, para poder acadar esa revitalización que Compostela tanto precisa.
A deputada lamentou que o Partido popular votara en contra dunha iniciativa para converter o casco antigo de Compostela nunha entidade activa recuperando edificios baleiros e afectados de grave deterioro.