A portavoz de Cultura do BNG, Mercedes Queixas defendeu unha iniciativa para declarar Ben de Interese Cultural, (BIC), o Monumento aos Mártires de Carral que foi rexeitada polo Partido popular, pese a recoñecer que cumpre con todos os requisitos da Lei de Patrimonio.
Na defensa da proposición non de lei, a deputada do BNG afirmou que Monumento aos Mártires de Carral representa “unha páxina viva da historia colectiva galega” en defensa da democracia e auto organización do pobo galego e criticou que o PP negara a súa declaración como Ben de Interese Cultural.
O monumento, explicou Queixas, lembra o levantamento liberal progresista encabezado polo capitán Xeral Miguel Solís contra o goberno reaccionario de Narváez, promotor “de recortes de dereitos e liberdades” e unha centralización administrativa que provocou a revolta militar”. As tropas sublevadas contra o réxime foron derrotadas na batalla de Cacheiras, o 23 de abril de 1846.
Foi unha insurrección baseada, dixo a deputada, na oposición ao goberno do conservador Narváez do Partido Moderado, e para reivindicar a unidade territorial galega, perdida pola Constitución de 1833.
Pola súa parte, o 22 de maio de 1904, a Liga Galega da Coruña levantaría o seu propio monumento en memoria dos que denominou “Mártires da Liberdade” en Carral, na localidade onde foran fusilados o Xeneral Solís e 11 dos seus oficiais, tras un xuízo rápido. O suceso foi recollido polo propio cura de Paleo nas partidas de defunción como “horroroso asasinato”.
“Os rexionalistas viron nos feitos de 1846 un referente simbólico da historia de Galiza e nos mártires de 1846 un símbolo do inicio do galeguismo”, subliñou. Neste sentido, engadiu. que o catedrático de historia contemporánea, Justo Beramendi xa concluíra que “os Mártires de Carral convertéronse no mito fundacional do galeguismo”.
O monumento aos Mártires de Carral, explicou a deputada, ten forma de cruz, resalta o almofadillado e loce o escudo de Galiza. Baixo a dirección do arquitecto Juan Álvarez Mendoza, fíxose con sillares de granito procedente da aldea de Illó en Barro (Pontevedra) e foi responsabilidade de Baltasar Escudero Carballás (Cerdedo), tras o concurso de ideas supervisado pola Escola de Belas Artes . Posteriormente rodeouse dun valado de ferro fundido, obra dos Irmáns Seoane de Vilaboa. Cómpre lembrar que en maio de 1917, ábrese outra subscrición popular para erguer un mausoleo en honor dos mártires do levantamento de 1846 e colocar unha lápida cos nomes dos fusilados no monumento erguido pola Liga Gallega en 1904.
O acontecemento histórico deixou unha profunda pegada na literatura galega decimonónica e ao longo do século XX: Obras de Francisco Tettamancy, Manuel Murguía, Francisco Añón, Xosé M.ª Álvarez Blázquez ou a peza teatral Abril de lume e ferro, de Manuel María así o evidencian.
A parlamentaria do BNG lembrou que a dramatización teatral é levada a cabo pola compañía da Asociación de teatro e cultura “Abril de lume e ferro”, formada polos veciñas e veciños de Carral e representándoa de maneira continuada, desde hai máis de vinte anos.
O monumento segue a ser un lugar de recoñecemento anual de colectivos culturais e un punto de encontro en irmandade para as comunidades educativas de Carral e Cacheiras.
Queixas reprochou a negativa do Partido popular a incoar o expediente BIC, así como á conservación da historia que representa o Monumento aos Mártires de Carral.