O PP vota en contra da proposta do BNG para incrementar a prevención para evitar a silicose no sector da pedra e mármore

Mon Fernández
Mon Fernández

Mon Fernández defendeu crear un centro de referencia en Galiza especializado na diagnose e tratamento da enfermidade

O nacionalista lamentou que o PP votara en contra dunha iniciativa para frear a alta porcentaxe de traballadores afectadas polo axente canceríxeno, po de sílice

O deputado do BNG, Mon Fernández defendeu unha proposición non de lei para exixir á Xunta que exerza a “súa competencia exclusiva” en materia de prevención de riscos no sector da pedra e o mármore. O parlamentario lamentou que o Partido popular votara en contra da iniciativa nacionalista na que reclamaba a prevención de riscos laborais no sector como “primeiro chanzo” para erradicar a enfermidade e crear un centro de referencia en Galiza especializado na diagnose e o seu  tratamento.

O deputado  anunciou o apoio do BNG  á campaña impulsada pola Federación da construción da CIG e a presentación de iniciativas para acadar un acordo destinado a paliar as deficiencias na prevención nun sector que agrupa ás canteiras de granito do Porriño, e a lousa de Valdeorras e Lugo, e múltiples empresas por toda Galiza, algunhas grandes dedicadas a fabricar derivados, e outras moi pequenas, como as marmorerías que traballan  pedra para a  ornamentación.

Un sector, dixo o deputado, con  miles de persoas con diferentes graos de exposición a un elemento canceríxeno como é o po de sílice. Por volume de poboación ocupada hai que salientar ás 2.600 persoas das canteiras de Valdeorras, e un número aínda superior nas canteiras do Porriño.

Sen  ánimo de criminalizar ao sector, recalcou o nacionalista,  os datos do Instituto da Silicose de Oviedo, a Inspección de traballo e o propio ISSGA reflicten “profundas deficiencias na prevención de riscos”  é a aparición da enfermidade,  Silicose cun ascenso ininterrompido dende o ano 2005 até os nosos días, é cun 72% de casos de persoal activo ao que sumou o 30% de novos casos diagnosticados como pneumoconiose complicada en primeira revisión. É dicir,  “non foron detectados nos estadios iniciais, durante a súa fase leve ou de grao 1, polos servizos de prevención de riscos das empresas.

Por outra parte, as dúas campañas epidemiolóxicas realizadas polo Instituto Galego de Seguridade e Saúde,  nos anos 2005 e 2006, detectou  440 persoas estudadas cun 17,5% de silicoses no ano 2005 e   257 persoas estudadas  cun 13,2% de silicoses no ano 2006.

A prevención de riscos, reiterou o nacionalista,  cobra especial relevancia para a  detección da enfermidade nos seus estadios iniciais, polo que resulta imprescindible a  “vixilancia da saúde durante a vida laboral con revisións por persoal facultativo  especialista en medicina do traballo”.

Non ten sentido que teñamos que derivar casos difíciles ou dubidosos ao Instituto de Oviedo, cando máis do 40% dos casos de Silicose detectados no estado español proceden de Galiza. E aínda que hoxe é fácil detectar a enfermidade neses estadios iniciais con TACs de alta resolución, segue sendo da máxima importancia,  “distinguir a sintomatoloxía que caracteriza a unha persoa de risco, máis aló da propia vida laboral”, insistiu o nacionalista.

Estamos a falar, recalcou o deputado,  “dunha enfermidade que ten un elevado grao de mortalidade” e solución  pasa polo “escrupuloso cumprimento da normativa de prevención de riscos, tanto nos postos de traballo, como na vixilancia da saúde”.

Para realizar o control da prevención solicitamos que se poña en marcha de xeito inmediato unha campaña por parte da Xunta de Galiza e para a  correcta diagnose e atencións das persoas afectadas demandamos  a constitución dun centro especializado de referencia na Galiza, concluíu.
Máis en Novas
Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG