O portavoz nacionalista de Educación, Manuel Lourenzo, defendeu no Parlamento unha proposición non de lei para que a Xunta articule un programa extraordinario de bolsas, dotado cunha partida inicial de 25 millóns de euros, para que todas as familias con rendas per cápita inferiores a 12.000 euros poidan facer fronte aos gastos derivados do inicio do curso escolar.
Lourenzo recriminou ao PP o seu veto a unha iniciativa que considerou máis que xustificada dada a realidade económica que están a padecer as familias galegas -moitas delas nunha situación “dramática” que esixe unha actuación extraordinaria por parte da Administración- afogadas por unha suba de prezos “absolutamente disparatada e por riba da media estatal” situada arredor do 11%, sendo Galiza das comunidades cos salarios e as pensións máis baixas do Estado e tendo que afrontar, segundo a OCU, un gasto medio por alumno ou alumna para o inicio do curso de 1.250 euros.
A isto sumou que, mentres dous de cada 10 dos pais dos alumnos e alumnas galegas son pobres a pesar de traballar e que o 51% dos fogares galegos teñen dificultades ou moitas dificultades para chegar a fin de mes, a metade do alumnado de ensino obrigatorio e case 8 de cada 10 alumnos se se toma como referencia o ensino non universitario, non reciben ningunha axuda por parte da Xunta, “nun País cunha taxa de risco de pobreza e exclusión social do 25%, o que representa un cuarto da poboación”.
“Esta é a realidade que debuxan as estatísticas e é a realidade da que se fala nas reunións dos claustros dos centros públicos deste País”, afirmou para reprochar a continuación ao Executivo do PP que, neste contexto, “todo do que vostedes poden presumir a respecto das axudas que implementaron a principios de curso é dun incremento de 25 euros nas axudas para material, a metade do que custa a entrada do concerto de C.Tangana”, reprochou en alusión ás 500 entradas Vip para dita actuación regaladas polo Goberno galego a cargos políticos e amigos do PP.
Para o deputado nacionalista, o que non se pode aceptar como normal “é que este País poida permitirse renunciar a uns ingresos de 34 millóns eximindo de impostos aos millonarios e que, pola contra, se nos veña aquí a dicir que non podemos permitirnos implementar a gratuidade universal para os libros de texto ou habilitar bolsas extraordinarias para aquelas familias que o necesitan”.
Neste sentido, tampouco considerou aceptable que o PP negue estas axudas mentres se continúan a financiar “centros clasistas e elitistas” como a universidade privada de Abanca, entidade presidida por Juan Carlos Escotet, que -segundo recordou- recibiu 9.000 millóns de euros de todos os galegos e galegas e á que “se lle fixo unha tramitación vergoñenta nesta Cámara para unha universidade privada que cobra 10.000 euros por título de máster e 6.000 euros por grao”.
Así pois, pechou a defensa da iniciativa retando á bancada dos populares a aclarar se a súa prioridade no exercicio de goberno é “rescatar á banca ou rescatar a aquelas familias que nun contexto como o que temos están a padecer situacións insostibles”. “Este é un debate tamén de prioridades e o grupo que sustenta ao Goberno debe aclarar se van continuar a situarse do lado do señor Escotet e dos millonarios deste País ou se, dunha vez por todas, vai entender que a realidade faise cada día máis dura para as familias e vai situarse a carón das e dos que o precisan”, concluíu.