parlamento galego

O PP veta no Parlamento a proposta do BNG para que a Xunta actúe co fin de garantir a conservación da Torre de Caldaloba

Olalla Rodil
Olalla Rodil
Olalla Rodil propuxo abrir o diálogo coa propiedade e o concello para a posta en valor da torre, así como a súa transferencia ao patrimonio público

O PP vetou a iniciativa do BNG no Parlamento galego para que a Xunta abra un proceso de diálogo coas persoas propietarias da Torre de Caldaloba e o Concello de Cospeito co obxectivo de garantir a conservación e posta en valor deste ben patrimonial, así como a súa transferencia ao patrimonio público.

A viceportavoz nacionalista e deputada por Lugo, Olalla Rodil, lamentou o voto negativo do PP a esta proposta na comisión parlamentaria de Educación e Cultura, pese “a importancia -subliñou na defensa da iniciativa- deste ben patrimonial, non só na comarca da Terra Chá, senón no conxunto do país”.

Rodil explicou que a torre é un emprazamento “imprescindible para coñecer a historia de Galiza, especialmente a baixo medieval, pero tamén esencial para abordar a resistencia da nobreza galega ao proceso de ocupación dos Reis Católicos”, en alusión ao ano de permanencia na torre protagonizado pola filla de Pardo de Cela, logo de que este fose decapitado, para resistir o asedio.

A viceportavoz nacionalista advertiu de que, logo duns traballos de conservación hai 30 anos, a finais dos anos 90, o estado de Caldaloba volve estar comprometido, se ben é obriga das persoas propietarias -ao ser un Ben de Interese Cultural (BIC) dende 1994- asegurar o seu mantemento, pero tamén unha responsabilidade da Xunta e do concello a salvagarda, protección e posta en valor da torre, como establece a Lei de Patrimonio Cultural para todos os bens declarados BIC.

Así, recordou as múltiples solicitudes do movemento asociativo da comarca e os distintos acordos neste sentido impulsados polo BNG tanto no Concello de Cospeito (por unanimidade e sendo gobernado polo PP), como na Deputación de Lugo para garantir a conservación da torre, unha cuestión que o Bloque tamén levou ao Congreso en Madrid.   

“Hoxe traémola aquí, nunha proposta de mínimos, e que se atendemos ás declaracións públicas da directora xeral de Patrimonio da Xunta non está lonxe da intención que supostamente ten o propio goberno de arrimar o ombro para garantir que se manteña en pé a torre”, subliñou para concluír que, sobre todo, “a parte máis importante é que se dea a coñecer este ben patrimonial esencial para coñecer a historia deste país, que é tamén un elemento de dinamización cultural, económica e social da comarca da Terra Chá e concretamente do Concello de Cospeito”.  

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG