Jorquera defendeu unha proposta para demandar do FROB a publicación do prego de condicións da compra de NCG Banco, asegurar a recuperación do diñeiro público investido, completar a restitución do diñeiro das persoas estafadas polas preferentes e asegurar a permanencia en Galiza da colección artística da entidade financeira
O portavoz do Grupo parlamentario do BNG, Francisco Jorquera levou de novo ao Parlamento a través dunha Proposición non de lei o futuro de Novagalicia Banco.
Na súa intervención, Jorquera instou á Xunta a demandar do FROB a publicación do prego de condicións da compra de NCG Banco, recuperar os cartos públicos investidos, devolver o diñeiro aos estafad@s polas preferentes, manter os postos de traballo, servizos centrais e rede comercial en Galiza e asegurar a permanencia no noso país da colección artística da entidade.
No caso de non cumprir estas condicións, o nacionalista esixiu a inmediata paralización do proceso de venda da entidade galega.
O deputado destacou a importancia estratéxica da entidade e a permanencia de NCG Banco como Banco galego no aforro dos galegos e galegas, esta permanencia, dixo, está ameazada polo anuncio do FROB de vendela antes do remate do ano a través dunha poxa.
Por outra parte, denunciou o negocio ruinoso da venda para todos e todas as contribuíntes ao seren investidos 9.000 millóns de euros de recursos públicos para o seu saneamento que non serán recuperados.
Finalmente, o deputado agradeceu o apoio do grupos da oposición á iniciativa nacionalista e lamentou que unha vez máis, o PP votara en contra de asegurar o futuro de Novagalicia Banco en Galiza, a pesar de defender publicamente o contrario.