A Proposición Non de Lei presentada polo Bloque Nacionalista Galego para a transferencia dos centros do Instituto Oceanográfico á Galiza foi rexeitada na Comisión de Ciencia, Innovación e Universidades cos votos en contra do Partido Popular, Vox e Ciudadanos e a abstención dos partidos do Goberno, PSOE e Unidas Podemos.
Na defensa da iniciativa, o deputado nacionalista, Néstor Rego, destacou que esta é unha reclamación histórica do conxunto da sociedade galega, impulsada polo BNG, mais apoiada polo conxunto das forzas políticas galegas que se manifestaron por unanimidade no Parlamento da Galiza en diversas ocasións. A última no ano 2018, a raíz dunha proposta levada á Cámara de representación galega pola formación nacionalista, que contou co voto favorábel tanto do Partido Popular como do Partido Socialista e de En Marea (en que se integraban EU e Podemos). Todas as forzas políticas entendían que era unha necesidade e unha reclamación de xustiza. Hoxe, no entanto, non a apoiaron no Congreso.
“A actividade científica e investigadora ten que estar ao servizo do desenvolvemento social e económico e do benestar do conxunto dos cidadáns e cidadás, polo unha das funcións principais que viñeron tendo e deben manter os centros é o asesoramento ao sector pesqueiro e marisqueiro”, sinalou Rego.
O BNG entende que que os Centros Oceanográficos situados na Galiza, concretamente na Coruña e Vigo, dependan de Madrid dificultan este obxectivo na medida en que as decisións sobre as liñas de investigación están condicionadas e se relega esa faceta de vinculación da actividade investigadora á actividade produtiva pesqueira e marisqueira.
Néstor Rego colocou como exemplo disto que desde Madrid se eliminaron liñas de investigación cruciais como a de cultivos de moluscos en que viña traballando de forma pioneira durante os últimos corenta anos o centro da Coruña e que o convertía nun centro de referencia nesa materia.
Ademais, Rego subliñou que nos últimos tempos se produciron decisións centralizadoras que limitan a autonomía de actuación dos centros galegos. A primeira en 2014, co estabelecemento de protocolos centralizados de determinación da xestión económica e no pasado mes de outubro a decisión do Ministerio de Ciencia e Innovación de integrar o IOE dentro do CSIC.
Esta decisión do Ministerio achou a oposición do propio persoal do Instituto. “Foi unha decisión unilateral en que non se contou coa opinión dos traballadores e traballadoras, nin sequera se falou coa dirección dos centros para consultar previamente o seu parecer” sinalou o deputado Néstor Rego.
Rego lembrou que a Galiza leva moito retraso nesta materia, pois países como Euskadi asumiron as competencias en materia de investigación oceanográfica en 1981, hai practicamente 40 anos, o que lle permitiu pór en funcionamento institucións punteiras como o AZTI, centro tecnolóxico experto na cadea de valor mar-alimentación.
O BNG entende que a transferencia destes centros permitiría darlles un novo impulso, para recuperar o terreo perdido nos anos da crise en que perderon recursos (só desde 2016 teñen 38 persoas menos) e para vinculalos de forma máis intensa ao sector pesqueiro e marisqueiro galego. En todo o caso, a iniciativa nacionalista defendía que en canto non se materialice o traspaso de competencias por parte do Estado á Xunta de Galiza, se inicie un proceso de descentralización dos centros e das infraestruturas do IOE situados nas cidades da Coruña e Vigo, para que poidan ser xestionados segundo as súas propias necesidades.