A portavoz do BNG no Congreso, Olaia Fernández Davila, defendeu esta mañá na Comisión de Cultura a proposición do BNG que demandaba a reducción do IVE no ámbito da cultura e no material escolar. Unha iniciativa rexeitada polo PP pero que logrou o apoio de todos os grupos parlamentares da oposición.
Davila subliñou que despois de que o Goberno subise o IVE na cultura ao 21%, o propio Ministro Wert recoñeceu que era consciente do problema que se creaba no sector aínda que xustificou a medida por estar na liña das recomendacións da Comisión Europea.
A decisión de aumentar o IVE desde o 2012 no ámbito da cultura non está a xerar as recadacións que o Goberno presumía, sinalou. A deputada do BNG puxo de manifesto que se está a producir unha contención no consumo da actividade cultural debido ao encarecemento dos prezos. A deputada do BNG lembrou que o IVE na cultura pasou do 8% ao 21%.
A parlamentar nacionalista sinalou que a industria cultural do Estado aglutina en torno a 900 empresas do sector, que dirixiron unha carta á Comisión Europea para solicitar que se revise o IVE. O sector, indicou, estase a movilizar en diferentes territorios do estado por unha medida que lle trouxo moitas consecuencias negativas.
Outro dos puntos da proposición do BNG era a reducción do IVE no material escolar porque dado o grave contexto económico polo que se atravesa no estado, aumentar os prezos do material escolar foi un golpe duro para moitas familias, sobre todo no inicio do curso escolar. É preciso lembrar que o IVE no material escolar pasou do 4% ao 21%.
A deputada nacionalista instou ao Goberno a reconsiderar estas porcentaxes de IVE a fin de poder aliviar a crítica situación pola que atravesa o sector cultural e a situación económica de moitas familias ás que lles custa facer fronte ao pago dun material escolar moi encarecido. Davila emprazou ao Ministro de Cultura a dialogar co sector da industria cultural para proceder a unha reducción do IVE.
A deputada do PP, a Señora Miguélez, defendeu a medida de Wert porque hai razóns poderosas para ter subido o IVE en base á estabilidade orzamentaria. É dicer, cadrar o défice a base de aumentar os impostos indirectos que pagan todos os cidadáns.