parlamento galego

O PP non lle aclara ao BNG cando se reunirá coa veciñanza de Agolada nin se se decretará a parcelaria 22 anos despois

Ariadna Fernández
Ariadna Fernández
A deputada do Deza, Ariadna Fernández asegura que, despois de que lle cancelasen unha reunión en setembro, a xente xa está aburrida de esperar 

A deputada Ariadna Fernández preguntoulle á directora xeral de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, cando vai a Xunta do PP manter unha reunión coa veciñanza de Agolada, despois de que lle cancelasen a que tiñan prevista en setembro, porque -asegurou- a xente xa está aburrida de esperar por unha parcelaria que, despois de 22 anos desde que se iniciaron os procesos para poder levala a cabo, segue sen facerse.

“Por que lle cancelaron a reunión de setembro e por que a de agora é un ruxe ruxe que non se sabe nin quen vai nin cando nin de onde vén a noticia”, recriminou para perdirlle a continuación á directora xeral, que “se sabe cando é por favor, dígallo a eles”. “Teñen que cumprir co que prometeron”, reclamou.

Na comisión 7º deste venres no Parlamento, a deputada do Deza preguntou tamén cando se decretará a parcelaria e se xa falaron cos veciños sobre impacto que tería a macrocelulosa  ALTRI no territorio, porque, “para a Xunta,  ALTRI é un proceso de interese estratéxico, as parcelarias de Agolada non”, recriminou.

A deputada nacionalista lembrou que as sinaturas xa se recolleron en 2002. “Estamos en 2024 e o que é de pena é que os veciños e veciñas de Agolada lle solicitasen innumerables reunións sen que ninguén fose alí dicir dúas verdades seguidas”, afirmou mentres amosaba os correos electrónicos coas solicitudes da veciñanza en 2020, 2021, e varias en 2022, unha delas directamente ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda. “Só lles faltou escribirlles ao Papa porque ao Rei tamén lle escribiron, e alí non foi ninguén”, afirmou.

Fernández recordoulle ao PP o compromiso da anterior directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, (AGADER) en 2023 de “avanzar no asunto”, retomando o proceso 14 anos despois de que en 2010 se paralizase por falta de fondos. Durante o bipartito investíronse 800.000 euros neste proceso e dos que nada se soubo cando entrou o goberno do PP. “Eu non sei se todos os trámites feitos ata entón se poderían rescatar porque perder 800.000 euros non me parece cousa de risa”, preguntou.

Para a deputada, o único que fixo o PP en febreiro de 2023 é “contarlles unha milonga”, en alusión ás explicacións que a anterior titular de AGADER lles deu nesa data de que as parcelarias tiñan tres puntos previos para decretarse e onde lle aseguraron que un deles, a consulta pública estaría feita a principios de marzo de 2023. En cando ao segundo punto previo, o informe de avaliación, segundo a deputada, tamén aseguraron que estaría a finais de marzo, e en canto ao estudo previo de iniciación, as datas falaban de seis meses, e que, unha vez publicado no DOG, se podería decretar a parcelaria.

Ariadna Fernández lamentou que en outubro de 2023 ”nin se decretou a parcelaria, nin apareceu no DOG nin nada que se lle semelle . “Non lles dá vergonza ir a Agolada contar esas cousas e non facer nada?”, preguntou.

Nas respostas ás preguntas do BNG en xullo deste ano, o PP dixo que, despois de cumprir eses tres puntos previos, para rematala poderíamos chegar a 5 anos de espera.. “Pero é que iriamos a 30 anos de espera por unha parcelaria!; quen vai quedar alí con vacas e cunha explotación que precise dunha parcelaria!?”, advertiu.

 A deputada do Deza lembrou que  Agolada ten unha crise demográfica moi grave e cre que “en parte se tería solucionado con medidas coma por exemplo as parcelarias”, que axudarían a fixar poboación no rural se as explotacións tivesen futuro.

A día de hoxe, estas parcelarias, segundo aclarou Fernández, afectarían a 1.500 hectáreas e beneficiarían a 122 explotacións, cando nos anos 90 había 90.000 explotacións en toda Galiza, soamente contando as de leite. “Imaxinen cantas explotacións se terían beneficiado se a parcelaria chegase á súa hora”, subliñou.

“Os que acordaron que era necesaria a parcelaria hai 22 anos, algúns xa non están, outros están xubilados, e outras explotacións xa pecharon”, apuntou.

Fernández rematou dicíndolle ao PP que son tan repetidas as súa mentiras á veciñanza que “os únicos que comulgaron co que se lles dicía foron os concelleiros do PP, cando dicían que tiñamos que remar todos xuntos. O malo -engadiu- é que o goberno rema para un lado e xs veciñxs para outro”, rematou.

 

Afíliate, faite do bloque
Anímate a dar o paso, súmate ao proxecto do BNG