O PP vetou no Parlamento galego unha proposición non de lei do BNG para que a Xunta dea conta á Cámara se está negociando un novo concerto, e de ser así, en que termos, co hospital Ribera-Povisa de Vigo, dado que o que está en vigor, asinado en 2014 por oito anos e prorrogado en dúas ocasións por un ano, remata en agosto deste 2024 “e non é posible unha nova prórroga “salvo que o PP recorra aos métodos que ten denunciado o Consello de Contas para manter no tempo contratos que tiñan que saír a licitación”.
Así o reclamou a portavoz nacionalista de Sanidade, Montserrat Prado, quen tamén defendeu na súa iniciativa a realización dunha auditoría, previa á negociación dun novo concerto, que contemple o conxunto dos recursos públicos destinados ao centro sanitario, tanto pola atención que presta en virtude do concerto coa sanidade pública, como por todos os conceptos dos que se fai cargo directamente o Sergas.
Neste sentido, Prado denunciou que, ademais dos máis de 80 millóns anuais que recibe por un concerto que é “o máis caro do Estado español”, o Ribera-Povisa benefíciase tamén das condicións económicas para a compra de fármacos e materiais que consiga o Sergas coas empresas, do pago da medicación ambulatoria e a de alto impacto, as próteses e implantes ou a formación dos MIR, que tamén asume o Servizo Galego de Saúde “sen que saibamos o seu custe”.
De igual xeito, Prado advertiu que o Sergas transfire recursos adicionais a este hospital para que “rebaixe as listas de espera da sanidade pública, cando mantén avultadas as súas”, deriva probas complementarias das e dos doentes de cribado de colon do Álvaro Cunqueiro e tamén ás persoas que precisan atención nas unidades de queimados ou maxilofacial, ao ser o Ribera-Povisa o hospital de referencia por non dotar a Xunta á rede pública destas especialidades na área sanitaria de Vigo.
Unha “riada de cartos” que, segundo criticou, nin está cuantificada na súa totalidade, nin “está significando unha maior calidade asistencial”, dado que o centro hospitalario ten peores rateos de profesionais por doente que a sanidade pública.
Nesta liña, advertiu sobre as condicións laborais e salariais do seu cadro de persoal, cunha fuga permanente de profesionais dende hai anos sen que se repoñan na mesma proporción, a existencia de denuncias de cobertura de vacantes con subcontratación e con profesionais que non contan coa especialización oportuna, aspecto do que foi eximido o centro no concerto co Sergas, ou coa recente dimisión dun número importante de facultativos do servizo de urxencias, situación extensible ao persoal de enfermería.
De igual xeito, o BNG pediu estender a auditoría ás contas e á xestión de Povisa no relativo ao concerto asinado co Sergas para saber cal é o uso que fai dos cartos públicos e “cantos se destinan ao concerto e cantos á asistencia privada”, así como sobre a calidade asistencial que presta, incluíndo os rateos profesionais-doentes.
“É o mínimo que este Parlamento coñeza como se utilizan os cartos públicos e que o faga tamén o conxunto dos galegos e das galegas”, defendeu Prado, quen apuntou á Área Sanitaria de Vigo como o maior expoñente do modelo sanitario do PP baseado en “converter en negocio a atención sanitaria” e cunha toma de decisións encamiñadas a favorecer a dependencia desta área da sanidade privada, especialmente de Povisa.
“Povisa é un saco sen fondo” ao que o Executivo do PP destina cada ano máis e máis cartos “con total opacidade e falta de transparencia”, ate o punto de que “non figura ningunha partida concreta nos orzamentos da Xunta deste ano 2024”, criticou para recordar, a continuación, que o PP xa “actuou como valedor dos propietarios de Povisa” cando o empresario José Silveira vendeu o hospital á multinacional Yanki Centene “por un prezo de ganga” e, posteriormente, cando se produciu unha segunda venda á tamén multinacional francesa Vivalto Santé, “sen que movera un dedo para integrar o hospital na rede pública”.
Por iso, a iniciativa nacionalista propuña tamén a posta en marcha de todas as actuacións necesarias para que as 130.000 persoas atendidas por este centro privado reciban asistencia sanitaria nun hospital da rede pública, ben a través da adquisición do centro hospitalario de Povisa ou ben a través da dotación da infraestrutura hospitalaria pública precisa.
Así mesmo, a portavoz de Sanidade do goberno alternativo do BNG reclamou a creación dunha comisión de control e seguimento sobre o concerto de Povisa, coa participación dos profesionais, mentres o hospital non sexa integrado na rede pública do Sergas.
En definitiva, cuestións todas elas “de mínimos” para a deputada nacionalista que, sen embargo, foron rexeitadas polo grupo parlamentario do PP.